A Xunta propón unha modificación da Lei de costas para devolver o valor patrimonial aos inmobles situados na costa galega

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda defende a revitalización deste espazo e evitar o seu abandono modificando os usos, tal e como xa permite a Lei do solo de Galicia

Avanza que a proposta do Goberno galego pasa por unha dobre modificación da normativa estatal, recoñecer a analoxía entre o uso residencial e hostaleiro e estender o réxime dos Bens de Interese Cultural a aqueles inmobles que gocen de algún tipo de protección patrimonial en virtude da normativa sectorial, co fin de recuperar construcións actualmente inoperativas

Ángeles Vázquez salienta que a Xunta elaborou un Catálogo de bens en servidume de protección, no que se identifican máis de 350 inmobles con valor ambiental, patrimonial ou arquitectónico que deben ser recuperados
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a Xunta de Galicia proporá unha modificación da Lei estatal de Costas para devolver o valor patrimonial aos máis de dous mil quilómetros de costa que existen en Galicia e que son parte da historia e da cultura desta sociedade. Así o adiantou a conselleira na rolda de prensa ofrecida esta mañá tras a reunión con representantes do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), da Fundación Juana de Vega, e da Escola da Paisaxe, na que tamén participou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o arquitecto e presidente da Asociación para a defensa do patrimonio galego (Apatrigal), Carlos Fernández Coto, para informalos desta proposta e iniciativa do Goberno galego.

Segundo explicou a conselleira esta dobre modificación da normativa estatal en materia de costas ten por finalidade recuperar e darlle unha nova vida aos inmobles que se localicen no Dominio público marítimo terrestre (DPMT); así como para adaptala e coordinala ao contido da Lei do solo de Galicia, no relativo ás edificacións tradicionais existentes en servidume de protección.

Explicou que unha das modificacións fai referencia á Disposición Transitoria décima do Regulamento Xeral de Costas para aclarar que o uso residencial e o hostaleiro son análogos e intercambiables. Unha cuestión -defendeu a conselleira- que está avalada nas sentenzas do Tribunal Supremo, onde se recoñece que o cambio de destino dun edificio en servidume de protección que inicialmente tiña un uso residencial de vivenda e que, posteriormente, se pretende dedicar a uso hostaleiro, ou viceversa, non pode entenderse como un cambio de uso, senón como a continuación do mesmo.

A segunda das modificacións propostas desde o Goberno galego afecta á Disposición Adicional terceira da Lei de Costas, para facer extensible o réxime contemplado na mesma para os bens inmobles declarados de interese cultural a todos aqueles bens que gocen dalgún tipo de protección patrimonial en virtude da normativa sectorial en materia de patrimonio cultural, tanto autonómica como estatal.

Este cambio consiste en estender o réxime contemplado para os Bens de Interese Cultural a aqueles que -sen ser BIC- gocen de algún tipo de protección patrimonial en virtude da normativa sectorial; un feito que permitiría recuperar antigas fábricas de salazón, conserveiras e pazos, entre outros edificios afectados; e daría cumprimento a unha das máximas do Goberno, como é a recuperación do patrimonio edificatorio da Comunidade.

Maior seguridade xurídica

Ángeles Vázquez defendeu que modificar o Regulamento xeral de Costas tamén arroxará luz sobre ambas cuestións e sobre todo dotará a esta práctica dunha maior seguridade xurídica; permitindo a autorización de usos residenciais, hostaleiros, hostaleiros, recreativos ou equipamentos, públicos ou privados (usos permitidos pola normativa urbanística autonómica neste tipo de edificacións), en construcións tradicionais preexistentes á Lei de Costas.

A conselleira matizou que son inmobles que non podían ter outra localización por prestar servizos necesarios ou convenientes para o uso do DPMT (cetarias, salgaduras, conserveiras, baleeiras, pazos, fortificacións, castelos, mosteiros), pero que hoxe en día non están operativas e en moitos casos en estado de abandono.

Ángeles Vázquez sinalou que a Xunta coñece esta realidade grazas á elaboración dun Catálogo de bens en servidume de protección do DPMT, identificando 361 inmobles con valor ambiental, patrimonial ou arquitectónico, clasificados en cinco categorías segundo a tipoloxía construtiva, como muíños, edificios con uso residencial en todas as súas formas, de usos singulares (faros, castelos, casas reitorais, escolas, mosteiros, edificios de aduanas, entre outros), de uso industrial (fábricas, conserveiras, cetáreas, secadoiros, salgaduras, baleeiras, casetas de pescadores, entre outros) e de ocio e hostalería (como hoteis, instalacións deportivas, centros cívicos ou sociais, locais culturais, parques públicos e museos, entre outros..).

Recordou que moitos destes inmobles tiveron unha actividade económica ou social importante para os galegos tempo atrás, pero agora están en desuso e en mal estado de conservación, afeando o noso litoral e perdendo parte da historia de Galicia; ao que engadiu que a Xunta está convencida de que é necesario, e posible, lograr a posta en valor destes inmobles situados no litoral, moitos dos cales quedaron inoperativos por unha lexislación estatal que restrinxe os usos que poden albergar.
 

Imaxes relacionadas