O Gaiás elixido mellor proposta cultural do ano en Galicia polo prestixioso observatorio da Fundación Contemporánea

A Cidade da Cultura encabeza a listaxe de ‘insignias culturais’ de Galicia en 2020 que vén de publicar o Observatorio da Cultura

O informe, elaborado a partir das valoracións de 472 expertos e profesionais do sector, recoñece así a oferta cultural do Gaiás pese as dificultades da covid-19

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia encabeza a clasificación de institucións e proxectos culturais máis destacados do ano 2020 en Galicia, que vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea. Elaborado coas valoracións dun panel de 472 expertos e profesionais de toda España, o Gaiás lidera a listaxe de insignias culturais 2020 correspondente a Galicia, seguido do Culturgal, o CGAC, o Teatro Rosalía de Castro ou a (S8) Mostra de Cinema Periférico, entre outras destacadas institucións e acontecementos culturais.

Este recoñecemento avala así a calidade da programación e o traballo realizado pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura nun ano marcado pola covid-19, no que se redobraron esforzos en achegar a programación á cidadanía a través dos medios dixitais e en incrementar a oferta pese á necesaria redución de prazas imposta pola distancia social. Trátase da primeira vez que o Gaiás encabeza esta clasificación, tras acadar o terceiro posto en 2019 e o oitavo en 2018. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) é o único outro museo recoñecido polo seu labor nesta listaxe de 15 institucións e eventos culturais de Galicia, aparecendo ademais no ranking estatal do mellor do ano.

Neste sentido, e segundo explica a Fundación Contemporánea, o documento proponse precisamente “dar visibilidade á grande oferta cultural producida a pesar de todo durante o ano, e recoñecer o grande esforzo realizado polas organizacións e profesionais do sector para levala a cabo”.

En 2020, a Cidade da Cultura desenvolveu un intenso esforzo para adaptar o seu programa de actividades ás necesarias medidas sanitarias de contención da pandemia, establecendo un estrito protocolo de hixiene e seguridade nas actividades presenciais, tirando proveito dos amplos espazos das súas instalacións, e realizando unha aposta decidida polos soportes dixitais. No conxunto de 2020, o Gaiás desenvolveu un total de 102 actividades culturais, das cales 71 foron presenciais –con 75.804 asistentes– e 31 en liña –seguidas por máis de 30.582 persoas–.

Un pioneiro programa de visitas didácticas por videoconferencia para os centros escolares, actividades musicais e escénicas con prazas moi limitadas e retransmitidas a través de streaming, visitas virtuais en 360º ás exposicións, foros de debate en formato webinario ou campamentos infantís combinando o formato en liña co presencial son algunhas das novidades da programación que a Consellería de Cultura vén desenvolvendo no Gaiás desde o pasado mes de marzo. Actividades coma estas marcan ademais as liñas de traballo dun 2021 no que a entidade continuará a aposta pola transformación dixital e polo desenvolvemento dunha cultura segura para público e profesionais.

Estudo referente a nivel nacional

Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea vén publicando desde hai máis de dez anos os seus informes anuais nos que analiza o panorama cultural español no seu conxunto, e tamén nas distintas comunidades autónomas. Están realizados a partir da valoración independente dun amplo panel de profesionais incluíndo escritores, artistas, directores e actores, músicos, arquitectos e creadores de todos os campos; responsables de fundacións, directores de museos, centros e institucións culturais; editores, produtores, promotores, responsables de industrias culturais; comisarios de exposicións, así como responsables de áreas e institucións culturais.

En 2020, o cuestionario foi respondido por 472 profesionais de institucións culturais, entidades privadas e profesionais independentes do sector. A partir das súas valoracións elabórase a clasificación das institucións e acontecementos culturais do ano en España e, a partir das opinións dos expertos correspondentes a cada comunidade autónoma, os rankings rexionais.

Imaxes relacionadas