A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe coa delegada da Xunta as obras desta infraestrutura estratéxica para a cidade, que progresan a ritmo intenso
Ethel Vázquez destaca que a Xunta mantén o obxectivo de rematar este ano as obras da nova estación de autobuses intermodal de Vigo que xa acadan o 45% da súa execución
Adianta que a actividade da estación ferroviaria se trasladará a Vialia a finais de febreiro, permitindo o inicio o 1 de marzo da demolición da terminal provisional
Concreta que están rematados os pilotes dos túneles, colocadas as lousas superior do túnel de Vialia e a inferior do de Lepanto e demolida a pérgola baixo a AP-9
Actualmente estase traballando nas cimentacións do edificio de viaxeiros e nos muros de contención para a execución das 30 dársenas da nova estación
En marzo tamén comezará a execución da lousa da zona de espera e taquillas da estación de autobuses, que poderá albergar 500 expedicións cada día e arredor de 2 millóns de viaxeiros ao ano
Vázquez Mourelle salienta o investimento autonómico de 18 M€ na construción desta nova estación de autobuses e no cofinanciamento dos accesos
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que a Xunta mantén o obxectivo de rematar este mesmo ano as obras da nova estación de autobuses intermodal de Vigo, que xa acadan o 45 % da súa execución.
Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou hoxe o avance das obras da nova terminal de autobuses da intermodal de Vigo, que progresan a un ritmo intenso e fixo fincapé no máximo interese da Xunta en poñer á disposición dos veciños de Vigo a nova estación intermodal canto antes.
Ethel Vázquez lembrou que o Goberno galego está a investir 18 millóns de euros na construción desta nova estación de autobuses e contribuíndo tamén ao financiamento dos accesos. A actuación da Xunta está cofinanciada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Concretou que, a día de hoxe, están finalizados xa os pilotes dos túneles, colocadas as lousas superior do túnel de Vialia e a inferior do túnel de Lepanto, e demolida a pérgola que había baixo a autoestrada AP-9.
Actualmente trabállase nas cimentacións do edificio de viaxeiros, nas pilas e soleiras dese edificio e nos muros de contención para a execución das 30 dársenas coas que contará a nova estación.
En total son arredor de 10 as máquinas que están traballando na zona, varias grúas, retroescavadoras e camións, e 25 operarios.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade resaltou que xa son visibles os avances no túnel de Lepanto e están aproximándose tamén os traballos á terminal de tren provisional.
Adiantou que a actividade da estación ferroviaria se trasladará ao novo edificio de Vialia a finais de febreiro, o que permitirá avanzar nunha nova fase das obras da estación de autobuses, que suporá como fito importante o inicio da demolición da terminal ferroviaria provisional o 1 de marzo.
Explicou que en marzo tamén comezará a execución da lousa da zona de espera e taquillas da nova estación de autobuses, que contará cunha superficie de máis de 1.000 metros cadrados e terá capacidade para albergar 500 expedicións de autobuses cada día e arredor de 2 millóns de viaxeiros ao ano.
Puxo en valor estas instalacións ao supoñer unha mellora substancial no acceso ao transporte público, favorecendo o intercambio áxil e seguro entre o bus e o tren nun espazo máis céntrico, con maior funcionalidade e comodidade para o viaxeiro.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade instou tamén ás outras administracións, local e estatal, a avanzar no resto de pezas que compoñen este gran complexo intermodal conformado, ademais de pola estación de autobuses que está en plena execución por parte da Xunta, a terminal ferroviaria definitiva e o centro comercial Vialia e os accesos.