O Parlamento aproba a Lei de residuos co reto de responder aos cambios na forma de consumo e ás novas necesidades de xestión

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defende que con esta norma Galicia se coloca na senda dos obxectivos que fixa Europa en materia de residuos e adianta ao Estado ao dotarse dun marco moderno e eficaz

A lei galega aposta pola prevención e a reutilización dos residuos co obxectivo de que en 2025 se recicle o 55% do total, a minimización dos envíos a vertedoiro en liña co traballo realizado por Sogama para acadar en breve o vertido técnico 0, a loita contra os plásticos dun só uso e a redución do desperdicio alimentario

En materia de solos, ponse o foco na prevención da contaminación, coa creación dun rexistro de solos e a incorporación dunha nova tipificación de sancións
 

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2021

O Parlamento galego aprobou esta mañá a Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, que substitúe e moderniza o marco normativo vixente nos últimos 12 anos co reto de preparar á comunidade para responder aos cambios que se teñen producido neste período con relación á forma de consumir, á xeración de residuos e ás prioridades e necesidades desde o punto de vista da súa xestión.

Trátase do terceiro texto lexislativo impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que sae adiante na actual lexislatura, un fito que quixo subliñar a conselleira Ángeles Vázquez en declaracións ao finalizar o debate de aprobación.

Con respecto ao obxectivo do novo marco normativo, a responsable autonómica subliñou que será unha ferramenta eficaz para garantir que Galicia se adapte ás esixencias de futuro nesta materia e camiñe con paso decidido cara á economía circular, que substitúa e desterre o modelo tradicional de extraer, usar e tirar. Ademais, lembrou que unha vez ratificada polo Parlamento, a Lei de residuos e solos contaminados permite á comunidade adiantarse ao Goberno do Estado á hora de dotarse dun marco normativo moderno, eficaz e adaptado á normativa comunitaria en relación a esta materia.

Así, incidiu en que con esta norma Galicia pecha o “círculo” das ferramentas xurídicas e normativas necesarias para consolidar a súa posición á cabeza de Europa con relación á sostibilidade e á xestión dos residuos, lembrando os outros pasos clave dados pola Xunta en 2019 coa aprobación da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 e da Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030.

Neste sentido, a norma aprobada hoxe permitirá incidir en todas as fases da cadea de residuos, empezando pola prevención e a reutilización, para o que integra o contido da directiva comunitaria en materia de plásticos, fixando mecanismos eficaces para loitar contra o plástico dun só uso e contra o desperdicio alimentario, entre outros aspectos.

Estes son, precisamente, dous dos obxectivos concretos máis importantes da normativa. Así, a xestión dos biorresiduos será un dos piares básicos en torno aos que a Lei galega buscará a colaboración e coordinación cos concellos, como administración responsable directa da xestión dos residuos domésticos.

De feito, os municipios deberán instaurar a recollida separada a finais de 2023, motivo polo que a Xunta reservou xa 25 millóns de euros nos seus orzamentos deste ano á construción de tres novas plantas de biorresiduos en Galicia –recentemente licitouse o proxecto básico para construír as dúas primeiras en Vilanova de Arousa e Cervo-, que se sumarán á que xa está operativa actualmente en Cerceda.

En canto á redución do consumo de plásticos dun só uso, coa entrada en vigor da norma prohibirase a venta de vaixelas de plástico ou non reutilizables. Con esta idea entronca tamén a loita contra o desperdicio alimentario, que se plasma na lei en dúas medidas fundamentais: obrigar aos titulares dos establecementos de restauración a entregar (se o cliente así o solicita) as fraccións sobrantes que non consuma no local, e que o fagan en recipientes compostos nun 50% de material biodegradable, nunca de plástico.

Así mesmo, a texto normativo aprobado hoxe fixa obxectivos claros na xestión dos residuos, establecendo que en 2025 deberá reciclarse o 55% do peso actual ou apostando por reducir ao mínimo o volume de residuos que se envía a vertedoiro. Neste sentido, senta as bases para cumprir co reto a nivel comunitario de que as plantas de tratamento de residuos acaden en 2035 o chamado vertido técnico 0 (é dicir, que só o 10% da cantidade total xerada se deposite en vertedoiros), un obxectivo que Sogama está xa a piques de acadar, con 14 anos de adianto respecto da previsión da UE.

Por último, a outra pata sobre a que se asenta a nova lei é a xestión dos solos, un apartado no que fai unha aposta decidida pola prevención da súa contaminación, incluíndo tamén a creación dun rexistro de solos e dotando a Galicia nova tipificación de sancións.
 

Imaxes relacionadas