A Secretaría Xeral da Emigración acorda adiar o día da Galicia Exterior para 2022 tras consultar a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas

A reunión, que tivo lugar esta tarde, foi telemática, e estivo presidida polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda

A situación actual de pandemia foi a razón pola que este ente tomou a decisión de trasladar ao próximo ano a celebración de xeito que poidan acudir tódolos galegos do exterior que o desexen
 

Santiago de Compostela, 08 de febreiro de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu esta tarde a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas na que se decidiu adiar o Día da Galicia Exterior para 2022 dada a raíz da situación provocada pola Covid-19, de xeito que se poida garantir a chegada de galegos de todo o mundo.

Durante este encontro, tamén se analizaron as novidades nas convocatorias de axudas sociais aos galegos do exterior e tamén ás entidades galegas no contexto da pandemia.

Ademais, tamén se puxeron sobre a mesa os diferentes programas que as entidades están a deseñar este ano, e que deben axeitarse a dúas circunstancias, a adecuación ás normas sanitarias de cada país en relación á pandemia e a celebración do Ano Santo.

O órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade está conformado por doce entidades electas, catro representando aos galegos de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. Como membros natos do organismo permanecen a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 persoas asociadas.
 

Imaxes relacionadas