A Xunta entrega tendas de campaña de emerxencias ás Agrupacións de Protección Civil de Lalín, Caldas de Reis, Valga, Cambados e Tomiño para reforzar á atención cidadá

Estas concesións enmárcanse na orde de axudas para equipamentos, que beneficiou a 15 municipios da área territorial e 87 de toda Galicia cun investimento global de 932.000€

Outras dez entidades das bisbarras de Pontevedra, O Salnés, Caldas, Baixo Miño e O Condado recibiron remolques, vehículos todoterreo, esparexedoras de sal e embarcacións de salvamento
 

Pontevedra, 8 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia entregou hoxe tendas de campaña para a atención e despregamento en situacións de emerxencia ás agrupacións de Protección Civil de Lalín, Caldas de Reis, Valga, Cambados e Tomiño para reforzar a atención cidadá e a xestión destes operativos na área territorial de Pontevedra.

Estas concesión enmárcanse na orde de axudas impulsada pola Vicepresidencia 1ª para mellorar os equipamentos de emerxencias das entidades de Protección Civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios e, froito da mesma, outorgáronse distintos materiais ou vehículos a unha quincena de entidades das bisbarras de Pontevedra, O Salnés, Caldas, Baixo Miño e O Condado. En total, a Xunta de Galicia investiu 932.000€ para dotar de máis equipamentos de emerxencias a 87 concellos e dúas agrupacións.

A entrega a estas cinco entidades de voluntarios realizouse na explanada do edificio administrativo da Xunta en Campolongo coa presenza dos responsables de Protección Civil destes cinco concellos.

O Goberno galego tamén concedeu, ao abeiro desta orde de axudas, un vehículo todoterreo pick-up ás entidades de Cuntis e Vilanova de Arousa; remolques ás de Catoira, Cerdedo-Cotobade, Meis, O Rosal e Vilaboa; esparexedoras de sal a Mondariz e Ponteareas e unha embarcación pneumática de salvamento a Vilagarcía de Arousa.

A Xunta mantén así o seu compromiso en dotar aos servizos de emerxencias dos concellos galegos do equipamento adecuado para garantir a seguridade dos seus efectivos e, por suposto, dos cidadáns. Deste xeito, contribúese a mellorar a súa capacidade de resposta ante as emerxencias grazas a un investimento, nos últimos anos, de 15,3 millóns de euros en material cedido ás entidades locais.
 

Imaxes relacionadas