A Xunta avanza a inmediata licitación da reforma da estrada AC-110 nas Somozas que facilitará o transporte de pas de aeroxeradores e o mantemento do emprego grazas a un investimento de 500.000 €

Vázquez Mourelle adianta que esta semana o Diario Oficial de Galicia convocará aos propietarios dos terreos para o levantamento das actas previas á ocupación

Detalla que a actuación consta dun investimento de máis de 400.000 €, aos que se suman 90.000 para as expropiacións e máis de 13.000 para a reposición de servizos, e se complementa coa achega de 163.000 € do Concello para obras de urbanización

Indica que a intervención, cun prazo de 6 meses, inclúe a modificación do trazado de dúas curvas de radio reducido, a reparación de beirarrúas e o pavimentado

Salienta que o esforzo da Xunta debe ser considerado por Siemens Gamesa, que entre outras razóns para xustificar o peche, aduciu ás dificultades para o transporte

Subliña que a este proxecto autonómico, cuxa tramitación coñecía a empresa, precisa de que o Goberno central busque solucións para manter o emprego
 

Ferrol, 8 de febreiro de 2021

A Xunta avanzou hoxe a inmediata licitación da reforma da estrada AC-110 nas Somozas, que facilitará o transporte de pas de aeroxeradores e o mantemento do emprego cun investimento de 500.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde das Somozas, Juan Alonso, informou hoxe en rolda de prensa sobre o proxecto de mellora desta vía.

Concretou que xa está aprobado tanto o proxecto construtivo como o Decreto de urxente ocupación, polo que esta mesma semana o Diario Oficial de Galicia convocará aos propietarios dos terreos para o levantamento das actas previas á ocupación.

Subliñou que levar a cabo estas obras fará necesario un investimento de algo máis de 400.000 euros, aos que deben sumarse preto de 90.000 euros destinados ás expropiacións e máis de 13.000 euros para á reposición dos servizos afectados. A isto hai que engadirlle a achega de 163.000 euros que realizará o Concello das Somozas para completar a urbanización.

Ethel Vázquez precisou que esta actuación ten un prazo de execución de 6 meses, polo que unha vez licitada nas vindeiras semanas, agárdase poder empezar a acometer no verán os traballos para telos rematados este mesmo ano.

Na estrada AC-110 ao seu paso polas Somozas hai un treito con dúas curvas consecutivas, situadas entre os puntos quilométricos 11+500 e o 11+700, que teñen un radio moi reducido e impiden o paso con normalidade dos transportes especiais.

Por isto, o Executivo autonómico está a impulsar o acondicionamento puntual da estrada AC-110, modificando o trazado desas dúas curvas consecutivas, reparando as beirarrúas e o empregando un pavimento en formigón en cor, reforzado con mallazo.

Para levar a cabo o acondicionamento, será preciso construír dúas estruturas: unha para salvar a diferenza de cotas entre a nova rasante e o terreo natural e outra, entre a nova rasante da calzada e a das beirarrúas, naqueles puntos nos que a rasante das beirarrúas está condicionada pola cota de acceso ás vivendas.

Disporanse os necesarios muros de contención e, finalmente, instalarase a sinalización completa, tanto horizontal como vertical, cos elementos de balizamento e defensa, alumeado público, canalización de telecomunicacións e reposición dos servizos municipais.

Compromiso e esforzo da Xunta
Fixo fincapé en que este esforzo da Xunta debe ser tomado en consideración pola empresa Siemens Gamesa, que entre outras razóns para xustificar o seu peche, trasladou as dificultades para o transporte das pas de aeoroxeradores de grandes dimensións.

Neste sentido, a conselleira recordou que a empresa era coñecedora de que o Goberno galego levaba moito tempo traballando neste proxecto para solucionar os problemas de transporte.

Sinalou que a administración autonómica está a traballar con determinación para facer todo o posible para evitar o peche das industrias e a perda de postos de traballo nestas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Pero manifestou que cómpre tamén a intervención decidida por parte do Goberno central para buscar, igual que a Xunta, solucións eficaces para manter o emprego.

Salientou o apoio permanente da Xunta ao tecido empresarial desta contorna, asinando en 2017 a Consellería de Infraestruturas un convenio de colaboración con Endesa para reordenar o núcleo viario das Pontes e facilitar o cumprimento, por parte da térmica, da nova directiva europea en materia de emisións industriais.

Lembrou que a Consellería de Infraestruturas estivo traballando ata o pasado mes de decembro na redacción do proxecto, licitación, adxudicación e execución dunha actuación que supuxo un investimento de case 4M€ e que financiou a empresa.

 

Imaxes relacionadas