Fernández-Tapias entrega tendas de campaña ás agrupacións de Protección Civil de Cangas e O Porriño para reforzar as intervencións

A entrega destes equipos, tal e como informou a delegada territorial, enmárcase na orde de axudas para equipamentos de emerxencias, nas que a Xunta investiu o ano pasado 932.400 euros para reforzar os recursos das agrupacións de 87 concellos

Vigo, 8 de febreiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, entregou hoxe dúas tendas de campaña ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Cangas e O Porriño, beneficiarios da orden de equipamentos de emerxencias destinada a municipios de menos de 50.000 habitantes.

Coa entrega de estes equipos, o Goberno galego, que o ano pasado investiu 932.400 euros para reforzar o material das agrupacións de 87 concellos e 2 mancomunidades, busca incrementar a capacidade de resposta destas agrupacións ante as situacións de emerxencia.

Segundo informou a delegada, esta liña de axudas esta destinada as entidades locais que figuren no Plan de Protección Civil ante o Risco de Nevaradas en Galicia (Plan Nega) e estean situados por riba dos 500 metros de altitude.

En conxunto, tal e como detallou Fernández-Tapias, adquiríronse 37 tendas de campaña habilitadas para ser despregadas en situación de emerxencias, así como 12 esparexedores preparados para ser axustados a vehículos todoterreo ou remolques, 12 remolques equipados para intervir en incidencias como temporais ou inundacións, 8 vehículos pick-up, 4 UTVs, 4 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate e 12 coitelas para a retirada de neve.

O Goberno galego mantén así o seu compromiso en dotar aos servizos de emerxencias dos concellos galegos do equipamento adecuado para garantir a seguridade dos seus efectivos e, por ende, dos cidadáns. A Xunta contribúe deste xeito a mellorar a capacidade de resposta ante as emerxencias e nos últimos anos destino 15,3 millóns de euros en material cedido ás entidades locais.

Imaxes relacionadas