A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado da Xunta na Coruña, mantivo unha reunión telemática cos rexedores municipais de Tordoia e de Trazo

Ethel Vázquez avánzalle ao alcalde de Tordoia a licitación nesta primavera das obras da senda peonil na estrada AC-413 no núcleo da Tablilla, cun investimento da Xunta de 120.000 euros

A Xunta está a avaliar medidas adicionais para incrementar a seguridade e o calmado de tráfico na recta da Tablilla, como o incremento da seguridade nos xiros ou a posibilidade de pintar liña continua para evitar adiantamentos

Executarase un itinerario de arredor de 500 metros de lonxitude e 2 metros de ancho na entrada a este núcleo desde Ordes para reforzar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé dos veciños

Tamén se dotará de rede de pluviais para a recollida de augas e canalizacións aptas para alumeado e telecomunicacións

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2021

A Xunta licitará nesta primavera as obras para a execución dunha senda peonil na estrada autonómica AC-413, no núcleo da Tablilla, no concello de Tordoia, que suporán un investimento autonómico de arredor de 120.000 euros.

Así llo avanzou a conselleira de Infraestrutura e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, nun encontro de traballo telemático no que tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor e a alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez López.

Ethel Vázquez detallou que, para mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé dos veciños, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade redactou o proxecto para a construción dun itinerario peonil de aproximadamente 500 metros na estrada AC-413, na entrada ao núcleo da Tablilla desde Ordes.

O obxectivo da actuación, que atende a unha solicitude municipal, é habilitar unha senda peonil en pavimento de formigón, de 2 metros de ancho, a nivel coa estrada, que seguirá o seu trazado en planta e alzado. O proxecto recolle tamén a execución de rede de pluviais para a recollida das augas e a dotación de canalizacións aptas para alumeado e telecomunicacións.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén detallou que se están a estudar outras medidas para o reforzo da seguridade viaria e para o calmado de tráfico na recta da Tablilla, na zona onde se sitúa o linde co concello de Cerceda. Concretamente, estase a analizar a viabilidade de reforzar a seguridade dos xiros ou de pintar liña continua para evitar adiantamentos nese treito de cara a reducir sinistros e as súas posibles consecuencias.