As intervencións forman parte das tarefas que se veñen realizando nas estradas autonómicas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade viaria

A Xunta amplía a vindeira semana os traballos de roza e limpeza a tres novas estradas autonómicas da provincia de Ourense e continúa as tarefas nas da Coruña, Lugo e Pontevedra

Comezarán os labores na OU-112 en Laza e Cerdedelo; na OU-525; e na OU-933 no límite da provincia e na A Rúa

Seguirán tamén as tarefas de limpeza na OU-540A entre a cidade de Ourense e A Madalena; e na OU-121 no Barco de Valdeorras e Prada

Na provincia de Lugo continuarán os traballos na LU-633, en Samos e Triacastela

Seguirán tamén as tarefas na VG.-1.2, entre Ares e Mugardos, na provincia da Coruña; e en Pontevedra, na vía de alta capacidade CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, e na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía

Os traballos céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2021

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza en tres novas estradas de titularidade autonómica da provincia de Ourense e continuará con esas tarefas en distintas estradas da provincia da Coruña, de Lugo e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, comezarán estas tarefas nas estradas da provincia de Ourense: OU-112 en Laza e Cerdedelo; na OU-525; e na OU-933, no límite da provincia e A Rúa. De xeito paralelo, continuarán os labores de roza que comezaron a pasada semana nas vías OU-540A entre a cidade de Ourense e A Madalena; e na OU-121 no Barco de Valdeorras e Prada.

Na provincia de Lugo, proseguirán tamén os traballos iniciados a pasada semana na LU-633, en Samos e Triacastela.

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, proseguirán os traballos de limpeza e roza na VAP VG.-1.2, entre Ares e Mugardos.

Nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra, avanzarán os labores de roza e limpeza na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Imaxes relacionadas