Emigración facilita información sobre a súa orixe familiar a 2.300 galegos do exterior

A Secretaría Xeral, en colaboración coas cinco dioceses galegas, foron quen de dar resposta as diferentes peticións de partidas de nacemento, bautismais, matrimonios ou defuncións

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2021

Case 2.300 galegos do exterior solicitaron documentación no último ano sobre a súa orixe familiar, ben a través da Secretaría Xeral da Emigración ou ben a través das cinco dioceses galegas coas que este departamento ten asinado un acordo de colaboración para este fin.

Deste xeito, tanto o departamento autonómico como as cinco entidades eclesiásticas recollen as demandas dos diferentes certificados relacionados con partidas de nacementos, bautismais, matrimonio e defuncións dentro do seu ámbito competencial de coordinación de asistencia e apoio ás persoas emigrantes galegas e os seus descendentes.

“É certo que houbo anos de moitas máis solicitudes, pero seguimos a ter, como se desprende da cifra de 2020, unha importante demanda de información sobre os orixes e antepasados dos nosos galegos do exterior”, explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. “Moitos deles queren saber se aínda lles quedan familiares en Galicia, e en moitos casos, necesitan esa información para poder realizar diversos trámites nos seus países e comunidades autónomas de residencia. Nós, dende a Secretaría Xeral, tramitamos todas as solicitudes que nos chegan a través directamente das nosas oficinas ou a través das nosas redes on line”.

A maioría das solicitudes dos emigrantes do exterior proceden de Cuba, nun elevado porcentaxe, seguidos por Arxentina, Estados Unidos e Brasil.

Imaxes relacionadas