A Policía Autonómica levanta unha acta de infracción nun local de hostalería de Ourense e outra nun establecemento comercial de Vigo por infrinxir a normativa relacionada coa covid-19

Os axentes realizaron unha inspección nun establecemento hostaleiro do concello ourensán de San Cibrao das Viñas, onde detectaron que se estaba a dar servizo de comidas a persoas que non se atopaban hospedadas no hotel

Tamén comprobaron que un local comercial da cidade viguesa estaba a permitir a venda de produtos non esenciais fóra do horario autorizado

Os dispositivos enmárcase no plan de actuacións da Policía Autonómica destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención adoptadas para frear o avance do virus

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

Axentes da Policía Autonómica da levantaron unha acta de infracción nun local de hostalería do concello ourensán de San Cibrao das Viñas e outra a un establecemento comercial de Vigo por infrinxir a normativa relacionada coa covid-19.

Por unha banda, axentes da xefatura de Ourense levaron a cabo unha inspección nun establecemento de hostalería de San Cibrao das Viñas, tras ter coñecemento de que podería estar a dar servizo de comidas no interior a persoas alleas aos hospedados no hotel. Durante o operativo, detectouse a presenza de 11 comensais, dos que 4 eran clientes aloxados no hotel, motivo polo cal se levantou acta de infracción para a tramitación do correspondente expediente sancionador. A Policía Autonómica informou ao propietario do negocio e ás persoas que se achegaban a comer e non eran clientes do hotel de que este feito estaba prohibido segundo as restricións sanitarias vixentes.

Por outra parte, axentes da Policía Autonómica da sede de Vigo verificaron nunha inspección que un establecemento comercial da cidade estaba a permitir a venda de produtos non esenciais fóra do horario autorizado. Os axentes comprobaron que as seccións de artigos non esenciais estaban sen limitación de acceso para os usuarios.

Estes dispositivos da Policía Autonómica enmárcase no plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes para frear o avance da covid-19.

Durante os operativos ao abeiro deste plan, os axentes controlan que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos a cumpran as normas aprobadas para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón. Estes dispositivos enmárcanse ademais no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.

Imaxes relacionadas