Medio Ambiente convoca as axudas para actuacións de mellora nas seis Reservas da Biosfera, ás que optan máis de 60 concellos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá o Centro de Interpretación de Crendes, onde anunciou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución da terceira convocatoria destes incentivos

A anualidade para o ano 2021 conta cun orzamento de 600.000 euros e as entidades locais interesadas en acollerse ás mesmas dispoñen ata o 6 de marzo para presentar a solicitude

Entre as actuacións subvencionables destacan a restauración de ecosistemas naturais e eliminación de especies exóticas invasoras, a sinalización de espazos protexidos e definición de sendas peonís e pasarelas, así como a creación de refuxios de pesca e proxectos de impulso dos centros de interpretación
 

Abegondo (A Coruña), 5 de febreiro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se convocan as axudas do ano 2021 para a execución de actuacións de mellora e conservación das Reservas da Biosfera de Galicia.

Así o adiantou durante a visita a Centro de Interpretación e Aula de Natureza de Crendes en Abegondo, que é un dos 64 concellos galegos beneficiarios desta liña de incentivos por ter superficie dentro dunha das seis reservas da biosfera que actualmente existen na Comunidade galega: a Reserva da biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, conformada por 17 concellos da provincia da Coruña, entre os que se atopa o de Abegondo: a de Terras do Miño (Lugo), a Área de Allariz (Ourense); a dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (Lugo); a Reserva do río Eo, Oscos e Terras do Burón (Lugo e que comparte territorio con Asturias); e a transfronteiriza Gerês-Xurés.

Recordou que esta liña de axudas para o ano 2021, posta en marcha en 2019, está dotada con 600.000 euros e os concellos interesados en beneficiarse dela dispoñen ata o 6 de marzo para presentar as solicitudes, e servirán pra sufragar os gastos derivados de estudos e investimentos vinculados á conservación, a recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e para a sensibilización ecolóxica nos espazos que forman parte da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Ao abeiro destas axudas poderá subvencionarse o 100% do importe do proxecto a executar, ata un máximo de 30.000 euros.

A modo de exemplo, recordou que Abegondo se beneficiou na convocatoria do ano 2020 dunha axuda de máis de 27.000 euros para mellorar o centro de recepción de visitantes e aula da natureza; e engadiu que tamén se inclúen actuacións como: a restauración de ecosistemas naturais e eliminación de especies exóticas invasoras, de sinalización de espazos protexidos e de dotación de sendas peonís e pasarelas, a creación de refuxios de pesca, de conservación do patrimonio inmaterial, e de concienciación ambiental.

Nese sentido, invitou aos concellos beneficiarios a participar na mesma e incrementar os logros obtidos nas dúas convocatorias anteriores (a de 2019 e 2020), grazas as cales se levaron a cabo 44 proxectos cun investimento total de preto de 840.000 euros .

Lembrou que estas axudas non son ás únicas que se habilitan desde a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para conservar o medio ambiente e a biodiversidade, xa que tamén convoca outras liñas de incentivos, como son as destinadas a actuacións nos parques naturais e ámbitos de Rede Natura 2000.

Un novo centro para celebrar o vixésimo aniversario
A conselleira de Medio Ambiente felicitou ao alcalde de Abegondo por impulsar o Centro de Interpretación de Crendes, que en 2020 celebrou o seu vixésimo aniversario, coa remodelación exterior do centro e tamén coa modernización da zona de exposición e equipamento para difundir os valores desta reserva da biosfera e concienciar á poboación na importancia da conservación deste espazo protexido, así como promover a educación ambiental entre os máis novos.

Sinalou que Abegondo non foi o único concello da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo que recibiu unha axuda en 2020; senón que os concellos de Paderne, Miño, Aranga, Carral, Abegondo, Cambre e Sada tamén obtiveron incentivos desta liña de axudas, sumando un importe global de máis de 120.600 euros para proxectos en beneficio desta reserva da biosfera.
 

Imaxes relacionadas