A Xunta tramita a inscrición do monte 'Serra do Eixe e Monte Mazaira' no rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

Trátase dun monte sito no concello ourensán da Veiga e de titularidade da comunidade de Meixide

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de información pública deste expediente de inscrición no devandito rexistro

Os interesados en presentar alegacións teñen de prazo dous meses, que computarán a partir de mañá
 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas do monte 'Serra do Eixe e Monte Mazaira', sito no concello ourensán da Veiga e de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Meixide.

Este monte está clasificado como veciñal en man común desde 1975. A superficie clasificada total do monte é de 1.168 hectáreas e conta cunhas formacións de cerqueiros (Quercus pyrenaica) e bidueiros (Betula spp) acompañados por salgueiros (Salix spp) como especie secundaria. Esas masas, que foron as que se incluíron neste expediente, abranguen un total de 38,84 ha do monte veciñal, en tres coutos redondos.

A partir de mañá, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Ourense os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 37 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto máis de 3.000 hectáreas de terreo. Destes expedientes, 5 corresponden á provincia da Coruña, 17 á de Lugo, 9 á de Ourense e 6 á de Pontevedra. Once deses 37 expedientes (oito de Lugo e tres de Ourense) atópanse na última fase do procedemento de inscrición, polo que estímase que esta formalizarase ao longo do mes de febreiro. Ademais, na actualidade xa existen 7 masas inscritas no rexistro: dúas na provincia da Coruña e cinco na de Pontevedra.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Enlace ao anuncio no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210205/AnuncioG0426-210121-0002_gl.html