Trenor entregou as tendas de campaña para emerxencias a 19 agrupacións de Protección Civil da provincia

O delegado da Xunta informou que ata o 19 de febreiro está aberta a convocatoria da orde de axudas para gastos de funcionamento das agrupacións de protección civil

A Coruña, 04 de febreiro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, entregou esta mañá varias tendas de campaña aos concellos beneficiados pola orde de axudas do Goberno galego para equipamentos de emerxencias para Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dotada con 932.400 euros. Esta orde de axudas permite mellorar os medios dos que dispoñen as AVPC e ten varias liñas de axudas unha das cales é para tendas de campaña, na provincia da Coruña recibirán este novo equipo 19 concellos.
Na comarca da Coruña entregáronse tendas de campaña a Abegondo, Cambre e Culleredo; na comarca de Santiago a Boqueixón, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra; na comarca de Ferrol en Mugardos, Neda e Pontedeume, na comarca do Barbanza en Mazaricos, Noia, Porto do Son, Outes e Ribeira e na comarca de Bergantiños-Costa da Morte en A Laracha, Cee, Coristanco e Vimianzo.
Esta convocatoria está destinada a reforzar o equipamento das AVPC para que poidan levar a cabo as súas intervencións e labores de prevención de riscos en condicións de seguridade e co instrumental necesario.
Esta orde inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Deste xeito, vén a complementar outros programas de apoio para mellorar o funcionamento das agrupacións ou a formación dos voluntarios.

Gastos de funcionamento das AVPC

Nesta liña, o Diario Oficial de Galicia, publicou o pasado 19 de xaneiro a convocatoria de subvencións, que estará aberta ata o 19 de febreiro, para sufragar os gastos de funcionamento de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en municipios de menos de 50.000 habitantes, e á que a Xunta destina 340.000 euros, mantendo así o investimento da orde anterior.

A axudas poderán destinarse a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

A Xunta aposta ademais pola formación no ámbito das emerxencias mediante os distintos cursos e actividades dirixidas aos voluntarios a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Imaxes relacionadas