A Xunta destaca que o novo servizo municipal de Noia permitirá reducir os tempos de resposta e mellorar a cobertura das emerxencias na zona

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, explicaron hoxe a posta en funcionamento do novo servizo de emerxencias que atenderá aos municipios de Noia, Lousame e Porto do Son

A Xunta aposta por completar e mellorar o mapa de emerxencias da comunidade con 5 novos GES, 2 deles en Ourense, 3 en Pontevedra e o servizo municipal en Noia
 

A Coruña, 4 de febreiro de 2021

A Xunta contará cun servizo municipal con base en Noia para atender as emerxencias deste concello e dos de Porto de Son e Lousame, que permitirá reducir os tempos de resposta dos servizos de emerxencia desta zona.

Así o destacaron hoxe a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; que participaron xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, nun encontro co deputado da Deputación provincial da Coruña José Blas García Piñeiro; e o alcalde de Noia, Santiago Freire, sobre a posta en marcha deste servizo.

O servizo municipal de Noia permitirá mellorar a cobertura das incidencias nestes municipios, xa que ata agora o concello noiés estaba cuberto polo GES en Brión. Ademais, darase cobertura a Porto do Son, que non se atopaba no ámbito de ningún grupo e liberarase a atención do GES de Brión que abarca unha poboación atendida por riba da media.

A creación deste grupo aprobouse na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipal (GES), que integran a Xunta, as Deputacións Provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), xunto con outros 5 GES na comunidade galega: 2 en Ourense con sedes en A Veiga e Maceda e 3 na provincia de Pontevedra con bases en A Lama, A Cañiza e Mos/Redondela, este último cunha subsede en cada un dos dous municipios.

Tal e como explicou hoxe Natalia Prieto, unha vez que o concello de Noia neste caso e os demais municipios sede dos novos grupos se adhiran ao acordo de colaboración entre a Xunta, as deputacións provinciais e a FEGAMP, poderán realizar as contratacións ou adscrición do persoal. Os procesos de selección dos efectivos inclúen formación no eido das emerxencias impartida desde a Academia Galega da Seguridade Pública (AGASP).

Co novo mapa de emerxencias contribúese a completar o mapa de emerxencias de Galicia, que na actualidade conta con 29 GES e 4 servizos municipais como o de Noia. Por iso, a directora xeral de Administración Local instou a manter a colaboración cos concellos e as deputacións provinciais co obxectivo de garantir unha maior e mellor cobertura en toda comunidade.

A posta en marcha novos GES supón un incremento de 300.000 euros do investimento anual da Xunta nestes servizos ata os 4,8 millóns de euros, máis da metade do seu custo anual. A Administración autonómica mantén a súa implicación na dotación de equipamento aos servizos de emerxencias das entidades locais, tanto GES como Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, aos que destinou nos últimos anos 15,3 millóns de euros. Ademais, as aportacións do Goberno galego para financiar os cinco consorcios provinciais e comarcais de bombeiros superan os 9,8 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas