A conselleira de Política Social, Fabiola García, agradeceu a alumnos e profesores a súa participación neste programa

Parlamento Xove arranca a súa 12ª edición en versión en liña cunha participación de máis de 200 mozas e mozos galegos

A iniciativa conta coa inscrición de 53 equipos nas categorías de ESO, Bacharelato e Universidade

Os 23 equipos de secundaria celebrarán a fase inicial o 6 de marzo, os 22 de Bacharelato debaterán o 13 do mesmo mes, e os 8 equipos universitarios entran de forma directa na fase final, cuxa data está por determinar

A pregunta desta edición é: Debería un Estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

O programa Parlamento Xove da Xunta de Galicia arranca a súa actividade en liña e cunha participación de 212 estudantes da ESO, Secundaria e das universidades galegas. A conselleira de Política Social, Fabiola García, anuncioulles hoxe aos participantes, que están a realizar unha formación previa ao torneo, as datas previstas para as fases clasificatorias das categorías de ESO e Bacharelato.

Fabiola García aproveitou para agradecer a alumnos e profesores a súa participación nunha iniciativa que cumpriu xa máis dunha década e que procura fomentar habilidades na mocidade como a capacidade de investigar, de falar en público ou de chegar a entendemento.

Este ano, debido á situación actual provocada pola pandemia sanitaria, as primeiras fases de Parlamento Xove realizaranse en liña, de igual xeito que se fixo no 2020. Na súa duodécima edición un total de 53 equipos participarán nas tres categorías.

Datas das fases clasificatorias

A conselleira anuncioulles que os debates da fase clasificatoria da edición 2021 terán lugar o vindeiro 6 de marzo para os 23 equipos de ESO; e o 13 de marzo para os 22 equipos de Bacharelato. Os 8 equipos universitarios inscritos celebrarán directamente unha fase final cuxa data aínda está por determinar.

Os participantes terán que defender unha posición ben a favor, ben en contra, dependendo do sorteo previo, sobre un tema de máxima actualidade. A cuestión fixada para os debates céntrase na vacinación. As rapazas e rapazas terán que defender se Debería un Estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación.

Fases finais

A Xunta de Galicia valorará, segundo a evolución da pandemia sanitaria, a posibilidade de que as finais se celebren de xeito presencial no Parlamento de Galicia. Se as circunstancias sanitarias o impiden utilizarase de novo a vía telemática, como xa se fixo o ano pasado.

Imaxes relacionadas