A Xunta mantén o seu compromiso de seguir colaborando co tecido empresarial de Lugo a través dos programas que xa ten en marcha para facilitar o financiamento de pemes e autónomos

O vicepresidente económico, Francisco Conde, reunise coa alcaldesa, Lara Méndez, á que lle trasladou as principais liñas coas que conta a Administración autonómica para acompañar ás empresas lucenses

O Goberno galego ofrece ao Concello a súa colaboración para identificar novas iniciativas que poidan contribuír neste obxectivo

Un total de 115 compañías do municipio que dan emprego a máis de mil persoas están a beneficiarse da liña para achegar liquidez a pemes e autónomos afectados pola pandemia, recibindo préstamos por 6,3 millóns de euros

Desde 2009 a Consellería de Economía, Empresa e Innovación leva concedido apoios ao Concello, ás empresas e aos veciños que mobilizaron 215M€

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no que lle achegou a máxima colaboración da Xunta para continuar a impulsar o tecido empresarial do municipio. Neste sentido, trasladoulle que a Administración galega mantén intacto o seu compromiso de seguir facilitando financiamento a pemes e autónomos mediante as diferentes ferramentas coas que xa conta, tanto a través da sociedade xestora de fondos de capital risco XesGalicia, como do Igape e do resto de departamentos autonómicos que traballan para favorecer a competitividade das empresas lucenses.

Desde 2009 a Consellería de Economía, Empresa e Innovación leva aprobado ao concello, empresas e veciños do Concello de Lugo apoios por máis de 64 millóns de euros que permitiron a mobilización de 215 millóns en eidos como o financiamento, a innovación, a eficiencia enerxética, a mellora dos parques empresariais ou o impulso ao sector comercial. Neste sentido, só a través da liña do Igape para achegar liquidez a pemes e autónomos afectados pola pandemia, un total de 115 compañías do municipio reciben préstamos por 6,3 millóns de euros.

O vicepresidente económico trasladoulle á rexedora a colaboración da Xunta de Galicia para identificar novas iniciativas que poidan contribuír neste obxectivo. Así, mostrou a súa satisfacción por que o Concello se sume a este esforzo por apoiar e dotar de liquidez ao tecido empresarial.

Neste espírito de colaboración, o Goberno local tamén ten a oportunidade de formar parte da iniciativa dos Concellos Emprendedores, da que xa forman parte 18 municipios da provincia que comparten coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica e facilitar os trámites administrativos. A cambio, os Concellos Emprendedores tamén teñen prioridade na convocatoria de axudas do Executivo galego que contribúen a xerar actividade empresarial, crear emprego e impulsar o comercio local.

De feito, a figura dos Concellos Emprendedores se verá consolidada dentro da futura Lei de reactivación que se está a tramitar no Parlamento galego, unha norma que busca contribuír ao cambio de cultura administrativa e trasladar máis estabilidade e confianza ao tecido empresarial.

Imaxes relacionadas