A Xunta apoia con máis de 38.000 € o desenvolvemento dun proxecto de eficiencia enerxética no multiusos de Rois

O representante do Goberno autonómico informou que este edificio contará cunha axuda para a instalación dunha nova caldeira

Rois (A Coruña), 03 de febreiro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá nunha videoconferencia co alcalde de Rois, Ramón Tojo, para informarlle que no edificio multiusos deste municipio aprobouse unha axuda de 38.000 euros para a instalación dunha caldeira que terá un custo total de 48.000 euros.
O delegado da Xunta apuntou que “estas axudas teñen unha intensidade do 80% para as administracións e as entidades sen fins de lucro e unha media do 60% para empresas cun máximo de 250.000 euros por proxecto”.

Galicia mantén, deste xeito, o seu compromiso cunha Galicia máis verde, a través de apoios que buscan fomentar tanto o uso das enerxías renovables como unha maior eficiencia enerxética, tanto no eido dos fogares galegos, como das administracións, empresas e entidades. Ademais, estas axudas se inclúen dentro do compromiso do Goberno galego de cooperación cos concellos para ofrecer uns mellores servizos e para achegar a administración autonómica aos cidadáns.

Neste sentido, a Xunta vén de abrir a convocatoria das axudas para empresas do sector agrícola primario coas que se prevé mobilizar 8,5M€ en 200 proxectos de enerxías renovables e eficiencia cos que se crearán 70 empregos. Tamén está aberta a convocatoria de apoios dirixidos a promover o aforro e a eficiencia enerxética en empresas dos sectores industrial e servizos que mobilizarán mais de 42 millóns de euros e permitirán aforros de sete millóns de euros ao ano nas súas facturas.

Trenor tamén se referiu ás convocatorias de axudas de proxectos de enerxías renovables e fotovoltaica dirixidas a particulares e comunidades de veciños cuxo prazo de solicitude se abrirá en marzo. Coas dúas liñas de axudas (renovables térmicas e autoconsumo) se pretende chegar a 1.600 fogares galegos. En total, destínanse 5,1M€ coa previsión de mobilizar 13,5 millóns de investimento público-privado, xerar aforros económicos de 900.000 euros anuais nas facturas enerxéticas e aforros de enerxía de 18.500MWh ao ano, reducir 5600 toneladas de emisións de CO2 –o equivalente á acción de 250.000 árbores– e crear 140 postos de traballo. Os particulares terán o prazo aberto, para as dúas liñas, ata o 1 de xullo e a data límite de execución e xustificación será o 30 de setembro.

BIOMASA 2020

CONCELLO
ACTUACIÓN

Nº CALDERAS

 INVESTIMENTO CON IVE (€)
 AXUDA CONCEDIDA (€)

ROIS

MULTIUSOS

1

               48.053,94 €
               38.443,15 €

TOTAL

 
1

               48.053,94 €

               38.443,15 €

Imaxes relacionadas