A Xunta outorgou en 2020 axudas económicas a case mil vítimas de violencia de xénero, cerca dun 30% máis que o ano anterior

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe en Santiago de Compostela o balance da atención ás vítimas da violencia de xénero

En 2020 houbo que lamentar o asasinato de tres mulleres, as mesmas que no ano anterior, aínda que para a Xunta a única cifra admisible é cero vítimas

Aínda que o pasado ano baixou o número de denuncias por violencia de xénero, Lorenzana subliñou que “ non cabe o espazo para a congratulación ata que se produza a erradicación total deste fenómeno”,

Galicia é a única Comunidade que conta cun apoio mensual de ata 800 euros para a independencia económica das vítimas, que en 2020 chegou a 639 mulleres

As axudas de pago único para mulleres con especiais dificultades para obter un emprego case se duplicaron

Lorenzana puxo en valor os recursos complementarios que a Xunta ten a dispor das vítimas para a inserción laboral, a atención psicolóxica e o asesoramento xurídico
 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe en Santiago de Compostela o balance da atención ás vítimas de violencia de xénero en 2020, un ano marcado pola emerxencia sanitaria e polos reforzos habilitados pola Xunta para atender ás demandas das mulleres.

Lorenzana comezou lembrando ás tres mulleres asasinadas en 2020. Tal e como afirmou, “o único número aceptable no eido da violencia de xénero é cero”. Neste contexto, Lorenzana destacou que a Xunta pon a dispor das vítimas e as súas familias “un amplo abanico de servizos como poden ser a axuda psicolóxica gratuíta, o asesoramento xurídico, os programas para a contratación, os centros de acollida ou as indemnizacións directas”.

Precisamente as axudas económicas medraron en 2020 cerca do 30%, ata acadar a case mil mulleres. Foron en concreto 996 as concedidas nas distintas liñas de apoio existentes. Así, 639 vítimas resultaron beneficiarias das axudas mensuais, case un 11% máis que no ano anterior. Estes pagamentos periódicos individuais -con contías que van dos 200 aos 800 euros en función dos ingresos e as circunstancias familiares- sitúan a Galicia como punta de lanza no apoio á independencia económica das vítimas, ao ser a única comunidade que as ofrece e ademais poden solicitarse durante todo o ano. “Trátase de proporcionar apoio económico para garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia respecto do agresor, para así dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo”, especificou Lorenzana.

Concedéronse ademais pagamentos únicos a 341 mulleres vítimas de violencia de xénero. Esta liña ten por obxectivo apoiar ás mulleres con especiais dificultades para a busca de emprego cun importe máximo, en función das súas condicións, equivalente a 24 meses do subsidio por desemprego vixente (en 2020, 430 euros mensuais) nunha soa achega. Outras 11 mulleres recibiron as axudas que garanten a percepción das indemnizacións que lles correspondan por sentencia xudicial e outras cinco recaeron en mulleres que resultaron feridas de gravidade por mor das agresións e/ou nos fillos e fillar orfos por mor desta lacra. Cada unha destas axudas ascende a 7.000 euros.

Apoio ao emprego e psicolóxico

Ademais das axudas económicas, cuxa convocatoria para o ano 2021 xa está activada, a conselleira incidiu tamén nas medidas de apoio ao emprego das mulleres vítimas da violencia de xénero. Lembrou que a Xunta concedeu a 11 beneficiarias as certificacións acreditativas que dan acceso preferente a programas para mellorar o acceso ao mercado laboral. Por outra banda, o programa de inserción laboral a través de entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mulleres que sufriron violencia de xénero (convocatoria 2019-2020), permitiu axudar a 328 mulleres, das que 66 lograron unha inserción laboral plena. Tamén o Goberno galego fomenta a contratación de mulleres por entidades locais: foron 90 en 2020 nun total de 49 concellos.

A Xunta conta, a maiores, con outras ferramentas de apoio ás vítimas de violencia de xénero, que veñen de incrementar o seu uso en 2020. Foi o caso do Teléfono de Información a Muller que nos doce meses recibiu 3.336 consultas (un 14% máis que en 2019) ou o recurso de asesoramento xurídico en liña que con 47 actuacións viu incrementada a súa actividade nun 4%.

No ano 2020, producíronse, por outra banda, un total de 13.235 consultas específicas en materia de violencia de xénero nos 82 Centros de Información á Muller que a Xunta de Galicia pon a dispor da poboación. En total foron 3.000 consultas máis as realizadas en comparación co ano 2019, o que da conta da boa reputación e a confianza nos mesmos.

En canto ao servizo de atención psicolóxica para mulleres vítimas e os seus fillos e fillas, atendeu en 2020 a 913 persoas (625 mulleres, 243 menores e 45 dependentes). O programa Abramos o círculo que ofrece axuda a homes con problemas de control da violencia no ámbito da parella, permitiu traballar con 108 homes no período.

Menos denuncias e medidas de protección

A conselleira sinalou que o pasado ano baixou o número de denuncias por violencia de xénero. Segundo os datos do Consejo General del Poder Judicial pasaron das 5.023 de 2019 ás 4.653 no ano 20, un 7,3% menos. A pesares diso, Lorenzana subliñou a necesidade de “prestar unha especial atención a evolución do patrón”, xa que as denuncias foron a máis a medida que avanzaron os meses.

As medidas de protección comunicadas polos xulgados (cautelares e ordes de protección e afastamento) diminuíron ao pasar das 1.539 de 2019 ás 1.131 no presente balance. Na mesma liña, tal e como remarcou Lorenzana, o Servizo telefónico de atención e protección móbil para vítimas de violencia de xénero (Atenpro) experimentou unha variación pouco pronunciada: no 2019 recibiu 630 chamadas, mentres que no 2020 foron 617.

“A pesar de que os resultados son similares e un pouco inferiores aos do ano 2019, tendo tamén en conta o contexto de pandemia, non cabe o espazo para a congratulación ata que se produza a erradicación total deste fenómeno”, concluíu a conselleira de Emprego e Igualdade que comprometeu ter en conta todos os datos do balance hoxe presentado para “coñecer as dinámicas sociais que fan máis proclives a manifestación da violencia de xénero, ou que políticas poden ser máis efectivas cara a súa prevención e erradicación”.
 

Imaxes relacionadas