Medio Ambiente regula a nova tempada de pesca da anguía na desembocadura do Tambre entre o 1 de maio e o 30 de setembro

A Consellería mantén durante 2021 as principais condicións e medidas que rexeron o ano pasado con relación á práctica desta actividade profesional tradicional

Segundo o plan de aproveitamento específico da especie, o tamaño mínimo das capturas queda fixado en 20 centímetros, só poderá pescarse entre as 12.00 horas do luns e as 12.00 horas do sábado e a única arte permitida será a nasa-voitirón
 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no DOG a resolución pola que se regula a pesca da anguía na desembocadura do río Tambre durante a vindeira tempada, que se estenderá desde o 1 de maio ata o próximo 30 de setembro.

Segundo consta na devandita resolución, queda aprobada a renovación do plan de aproveitamento específico desta especie para o ano 2021 e se manteñen os principais requisitos que rexeron nesta zona durante a campaña anterior.

Deste xeito, o tamaño mínimo das capturas queda fixado en 20 centímetros, coa obriga por parte dos pescadores de devolver ao río aqueles exemplares que non dean a talla, así como as anguías prateadas e outros peixes que poidan entrar nas nasas. O total admisible de capturas para toda a tempada será de 1000 kg polo que unha vez alcanzada esta cantidade, darase por pechada.

Así mesmo, para poder practicar a pesca da anguía na desembocadura do Tambre a única arte permitida será a nasa-voitirón, cun tamaño de malla non inferior a 14 milímetros e un límite de 10 artes por tripulante. As nasas deberán ser levantadas e revisadas diariamente.

O horario autorizado para levar a cabo esta práctica estenderase desde as 12.00 horas do luns e ata as 12.00 horas do sábado, cun máximo de oito horas diarias de traballo, e quedando en todo caso vedada fóra desa franxa.

Cómpre lembrar que a pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas de desembocadura dos ríos galegos. No caso concreto do río Ulla, a tempada 2021 arrancou oficialmente esta mesma semana, en concreto o pasado 1 de febreiro, cun total de 15 embarcacións de Rianxo e Carril autorizadas.

Polo que respecta ao río Tambre, o plan de aproveitamento da especie para 2021 autoriza a faenar desde o 1 de maio á Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, que conta cun total de dúas embarcacións con cinco tripulantes que exercen esta actividade. A comercialización das capturas levarase a cabo na lonxa de Noia.

 

Imaxes relacionadas