Xunta e Deputación de Pontevedra avanzan no modelo de xestión directa para os catro parques comarcais de bombeiros da provincia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na reunión na que se avaliou o informe da comisión de estudo técnico-xurídica encargada de redactar a memoria sobre o cambio de modelo de xestión do servizo

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe no pleno extraordinario do Consorcio provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, unha reunión na que Xunta e Deputación de Pontevedra avanzaron no modelo de xestión directa dos parques de bombeiros correspondentes ao Consorcio Provincial pontevedrés.

Nesta liña, unha vez aprobadas as conclusións da comisión xurídico-técnica para o proceso do paso a xestión directa, dase un impulso importante para que o modelo de xestión directa se implante nos parques de bombeiros de O Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa. Ábrese agora un prazo de 30 días de exposición pública da memoria aprobada para que calquer interesado poida formular as observacións que considere oportunas.

Santiago Villanueva destacou a aposta da Xunta por unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade con independencia do lugar de residencia. Tamén sinalou a importancia de continuar avanzando e dar pasos que permitan que os cidadáns sigan contando cun servizo profesional, áxil e eficaz

A Xunta estableceu unha vía de diálogo coas deputacións provinciais para definir o modelo de xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais co obxectivo de ofrecer unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade, de maneira que sexa igual para todos os cidadáns con independencia do seu lugar de residencia.

Cabe lembrar que o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Ourense tamén acordou no seu pleno crear unha comisión similar a esta para continuar cos trámites, ao igual que na provincia de Pontevedra, para a xestión directa dos seus catro parques de bombeiros comarcais. Pola súa banda, os seis parques da provincia lucense funcionan cunha xestión directa desde maio do ano 2019 e os dez que pertencen ao Consorcio da provincia da Coruña desde o 1 de xaneiro do 2020. Ambos consorcios aprobaron o cambio de modelo en 2019.

Imaxes relacionadas