A Xunta publica no DOG o convenio coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre para a subministración de tarxetas de tacógrafo dixital e de cualificación profesional dos condutores

O Goberno galego realizará unha achega económica anual de case 285.000 euros para financiar a fabricación e a entrega destes dispositivos no período 2021-2024

A Xunta facilitaralle ao organismo nacional a información que debe conter a memoria das tarxetas respecto das empresas, talleres ou condutores

Trátase de ofrecer seguridade e transparencia no sector do transporte, ao impedir que un mesmo condutor teña máis dunha tarxeta de tacógrafo en toda a UE

O certificado de aptitude profesional acredita que un condutor superou un período de formación e os exames correspondentes

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, para a subministración de tarxetas de tacógrafo dixital e do certificado de aptitude profesional (CAP) para o período 2021-2024.

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/36QkYLd

A Xunta realizará unha achega económica anual de case 285.000 euros para financiar a fabricación e a entrega destes dispositivos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, no marco desta colaboración, facilitaralle ao citado organismo nacional a información que debe conter a memoria das tarxetas respecto das empresas, talleres, controladores e condutores afectados.

Este convenio dálle continuidade á liña de colaboración que viñan mantendo a Xunta de Galicia e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre desde o ano 2005, adaptándoa aos novos requisitos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana puxo á disposición das comunidades autónomas unha aplicación informática, interconectada coa rede da Unión Europea "Tachonet", que centraliza todas as peticións de obtención de tarxetas de tacógrafo en España.

Esta aplicación evita que un mesmo condutor teña máis dunha tarxeta de tacógrafo en toda a Unión Europea e encarga a fabricación personalizada destes dispositivos á Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, que é a entidade autorizada en España para esta produción.

Estas tarxetas certifican a disposición dunha formación obrigatoria para desenvolver a profesión de condutor profesional nunha empresa de transporte por estrada, xa sexa de mercadorías ou de viaxeiros.

Para a obtención deste certificado de aptitude profesional (CAP) é preciso superar previamente un período de formación, así como os exames correspondentes.

Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.

Imaxes relacionadas