A Xunta ve na futura Lei de recuperación da terra unha clara oportunidade para facilitar o retorno dos emigrantes e a súa incorporación activa ao sector primario

O conselleiro do Medio Rural e o secretario xeral da Emigración mantiveron unha xuntanza co fin de concretar estes nichos de empregabilidade para os emigrantes retornados, pensando tamén na remuda xeracional das explotacións

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2021.- O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá, en San Caetano, unha reunión co conselleiro do Medio Rural, José González, co obxectivo de analizar os ámbitos de empregabilidade máis atractivos deste sector para os emigrantes retornados.

Neste sentido, ambos destacaron as oportunidades que ofrece a futura Lei de recuperación da terra agraria para reforzar a incorporación deste colectivo á dinamización e posta en valor do rural, a través das diferentes ferramentas que contén esta norma.

Así, segundo destacou o conselleiro do Medio Rural, instrumentos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta facilitan un “excelente marco de actuación” para vincular os emigrantes retornadas cos fins que persegue este texto legal, actualmente a debate no Parlamento galego. Uns fins que, lembrou, teñen que ver co aproveitamento das terras en situación de abandono ou infrautilización para ordenar o territorio rural con criterios de sustentabilidade social, económica e ambiental”.

Nova normativa

En parecidos termos, o secretario xeral da Emigración vinculou tamén todos os esforzos que está a realizar o seu Departamento con esas oportunidades que ofrece a nova normativa, e fixo referencia tamén, nese sentido, á Lei de impulso demográfico que vén de aprobar estes días a Cámara autonómica.

O obxectivo do encontro foi precisamente potenciar as liñas de colaboración entre ambos departamentos autonómicos cun dobre obxectivo, por un lado atraer aos galegos do exterior e ofrecerlles ámbitos laborais atractivos, e mesmo investidores, e por outro, apostar pola remuda xeracional en ámbitos como as explotacións agrarias ou de gandería, considerando que precisamente a continuidade das explotacións é tamén un dos ámbitos nos que actuará a futura lei de recuperación da terra.
 

Imaxes relacionadas