Medio Ambiente destaca o interese dos cidadáns pola liña de axudas de eficiencia enerxética que só no primeiro mes de convocatoria recibiu máis de 500 solicitudes

Ángeles Vázquez recorda que o seu departamento xestiona por primeira vez este programa que conta cun orzamento global de 17 millóns de euros, dos cales 8,5 son para o presente ano

Invita aos propietarios e comunidades de vivenda a presentar unha solicitude e beneficiarse dunha axuda para apostar polo uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, así como mellorar a iluminación dos inmobles

Recorda que ao abeiro da convocatoria do ano 2020 do programa para a mellora da seguridade e accesibilidade das vivendas, sustentabilidade, conservación e mellora da eficiencia enerxética se concederon máis de 650 axudas por un importe de máis de 10 millóns de euros

Ourense, 1 de febreiro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que a nova liña de axudas de eficiencia enerxética en edificios existentes está a espertar gran interese entre os cidadáns, tal e como demostran as máis de 500 solicitudes rexistradas tan só primeiro mes de convocatoria.

Ángeles Vázquez recordou que por primeira vez o departamento que dirixe está a xestionar este programa de axudas para actuacións de mellora dos inmobles (reguladas por Real decreto do 4 de agosto), para as que se prevé un orzamento global de 17 millóns de euros, dos cales 8,5 millóns de euros serán só para o presente exercicio.

A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá as obras executadas no inmoble número 29 da rúa Valle Inclán, para mellorar sustentabilidade do edifico e a eficiencia enerxética; onde aclarou que o prazo para beneficiarse da actual liña de axudas está aberto ata o vindeiro 31 de xullo, polo que animou ás comunidades de veciños a presentar unha solicitude para acceder a esta liña de incentivos co obxecto de mellorar a vida útil do seu edificio.

Indicou que estas axudas tamén están dirixidas aos propietarios de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial, así como ás persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios –sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código Civil- e que desexen levar a cabo unha mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, apostar polo uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, así como mellorar as instalacións de iluminación.

A conselleira explicou que, aínda que non é o obxectivo principal desta liña de incentivos, os solicitantes que se animen a executar este tipo de actuacións están achegando un gran esforzo para reactivar a economía da comunidade e, sobre todo, están apostando por conservar as súas vivendas, adaptándoas aos tempos actuais e favorecendo medidas de aforro enerxético.

O número 29 da Rúa Valle Inclán, un exemplo

Ángeles Vázquez salientou que unha das eivas principais da política de actuación do IGVS é a rehabilitación do patrimonio construído; polo que a conservación e mellora dos inmobles é outro xeito de fomentar a recuperación.

Así, puxo como exemplo a decisión dos doce propietarios que viven no edificio da rúa Valle Inclán, que solicitaron unha axuda que lles permitiu mellorar a súa calidade de vida e levar a cabo un importante aforro de enerxía e, polo tanto de custos, ao beneficiarse dunha subvención de 140.000 euros para a rehabilitación integral da súa fachada, ao abeiro da convocatoria do ano 2020 do programa para mellora da accesibilidade, sustentabilidade, conservación, seguridade e de eficiencia enerxética das vivendas. No conxunto do programa, concedéronse 668 axudas, para un total de 4.057 vivendas, que suman 10,4 millóns de euros.

Imaxes relacionadas