O 061 de Galicia asistiu a 24 persoas por 21 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 29 de xaneiro, ata as 23,59 horas do domingo, 31 de xaneiro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 27 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 1 de febreiro de 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 24 persoas debido a 21 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 29 de xaneiro, ata as 23,59 horas do domingo, 31 de xaneiro. Os días que rexistraron máis incidentes foron o sábado e o domingo con nove sinistros de tráfico ambos os dous.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 27 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 21 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 24 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 73% e do 27% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 41% dos atendidos tiña entre 15 e 29 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con oito accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes

A Coruña

8
Lugo
3
Ourense
4
Pontevedra
6
Galicia
21

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 25. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en dous accidentes e as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 23 sinistros.

En 20 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en catro ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.