A Xunta abre o prazo para solicitar 200 bolsas de excelencia para mocidade galega no exterior

Segundo informou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, a convocatoria destas becas para mestrados universitarios estará aberta ata o 30 de abril

Para o novo curso aumenta o número de bolsas para incentivar que os galegos do exterior de alta cualificación fixen a súa residencia e a súa actividade laboral en Galicia

As bolsas sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, cunhas contías que oscilan entre os 7.000 e os 11.574 euros

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou a publicación no Diario Oficial de Galicia o próximo 3 de febreiro da convocatoria das ‘bolsas excelencia mocidade exterior (BEME Máster), cuxa quinta edición supón un novo incremento, tanto no número de prazas dispoñibles como na dotación económica asignada.

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22.

Con este obxectivo, a administración autonómica pretende axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da Covid-19.

O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Requisitos para ser beneficiario e contía da bolsa

Os beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na prescrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).

Á convocatoria do ano pasado presentáronse máis de 500 solicitudes procedentes de preto de 30 países distintos.

900 oportunidades de retorno

O obxectivo do Goberno galego é que a publicación desta orde se realice coa maior brevidade posible no Diario Oficial de Galicia (DOG) para que o prazo de solicitudes, que se pechará o 30 de abril, poida abrirse canto antes.

Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2021, incluíndo as equivalentes de FP, a posibilidade de retornar a un total de 900 mozos galegos do exterior no ámbito universitario.

Imaxes relacionadas