A Xunta e o Concello do Corgo coinciden na importancia de manter a cooperación institucional para reforzar o tecido empresarial deste municipio lugués

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co alcalde, Felipe Labrada, centrado nas medidas de apoio ao emprendemento e a atracción de compañías cara ao polígono industrial

O Corgo forma parte dos Concellos Emprendedores, que comparten coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica e facilitar os trámites administrativos
 

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, reuniuse esta semana co alcalde do concello lugués do Corgo, Felipe Labrada, co que estudou novas vías de colaboración para continuar reforzando o tecido empresarial deste municipio lugués, impulsar o emprendemento e a atracción de compañías cara ao parque empresarial.

Ambas as dúas administracións coincidiron na importancia de seguir mantendo esta cooperación institucional. Para iso, Conde informou ao rexedor das diferentes convocatorias que están a disposición das pemes e dos concellos neste momento, entre as que se atopa a orde de axudas por 2,3 millóns de euros para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais. Os municipios poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 8 de febreiro, e optar a axudas de ata 120.000 euros para propostas individuais e 138.000 para solicitudes de máis dun concello.

Tanto a través deste programa como doutras iniciativas, desde o ano 2009, a Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou ao Concello, empresas e veciños do Corgo con axudas por preto de 2 millóns de euros, permitindo mobilizar 7 millóns en eidos como o financiamento, a eficiencia enerxética ou o apoio á industria forestal.

No encontro, o vicepresidente económico destacou as oportunidades que ofrece a futura Lei de reactivación, que se está a tramitar no Parlamento galego, para atraer novas iniciativas empresariais cara aos concellos e impulsar o emprendemento, avanzando na simplificación administrativa e facilitando os investimentos, ao tempo que se achegan as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e ambientais para contribuír á consolidación do tecido empresarial da Comunidade.

Unha das medidas da futura lei que se está a tramitar é precisamente o impulso da figura dos Concellos Emprendedores –un distintivo co que conta O Corgo xunto con outros 17 municipios da provincia de Lugo– para que aparezan consolidados dentro do novo marco lexislativo. Así, comparten coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica e facilitar os trámites administrativos.


A futura Lei de reactivación económica permitirá seguir avanzando neste eido, promovendo un cambio de cultura administrativa para lograr a máxima axilización. O obxectivo é achegar unha resposta áxil para facilitar a actividade económica, atendendo aos novos retos aos que se enfronta Galicia.
 

Imaxes relacionadas