A Xunta dedicou 400 millóns en cinco anos á súa estratexia de igualdade e traballa no VIII plan que lle dará continuidade

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu por videoconferencia a Comisión Interdepartamental da Igualdade, ante a que fixo balance do VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade

Entre 2017 e 2020 a Xunta activou 253 medidas inseridas na actividade da Administración autonómica de cara a acadar unha igualdade real e efectiva

Lorenzana resaltou a transversalidade como principio fundamental para afianzar as políticas contra a discriminación e de loita contra a violencia de xénero

A titular do departamento autonómico referendou o compromiso da Xunta para afianzar políticas que fomenten a gobernanza en condicións de equidade e a aposta pola corresponsabilidade e a igualdade laboral cara á reactivación económica

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe por videoconferencia desde Santiago de Compostela a Comisión Interdepartamental da Igualdade, órgano que traballa para integrar a perspectiva de xénero en todas as políticas e accións da Xunta, e ante o que fixo balance das 253 medidas do VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres ás que se destinaron cerca de 400 millóns de euros desde 2017.

Entre outros asuntos, a comisión encárgase de enriquecer e revisar a implantación das actuacións desenvolvidas no seo da Administración autonómica para promover a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Neste sentido, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, referendou ante o órgano -integrado polos diferentes departamentos da Xunta- o compromiso firme do Goberno galego para afianzar as actuacións que conduzan a mellorar a gobernanza en favor da igualdade.

Un dos puntos da orde do día centrouse na avaliación das 253 medidas que integraron o VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020 aos que a Xunta destinou no período 391 millóns de euros.

Destas actuacións, 47 centráronse na integración do principio de igualdade nas políticas de acción de Goberno; 27, na área estratéxica de igualdade e educación nos valores; 24, na xestión dos traballos e dos tempos; 33 para a igualdade no emprego e innovación; 20, para a promoción da igualdade na participación e no liderado; 41, na inserción deste principio na calidade de vida e benestar e 61, estiveron destinadas á prevención e tratamento da violencia de xénero.

Lorenzana incidiu en que “é no conxunto da planificación da Administración autonómica a primeira dimensión na que cómpre afianzar o principio de igualdade entre mulleres e homes durante os vindeiros anos”. Así, lembrou que ferramentas como o VIII Plan Estratéxico -no que xa se está a traballar- deben incidir no principio de transversalidade e incorporar o enfoque de xénero nos instrumentos de planificación, no deseño de normas e orzamentos, na presenza equilibrada de mulleres e homes nos órganos consultivos e de participación na Administración e na actividade contractual e de axudas da Xunta.

Igualdade no mercado laboral

Lorenzana resaltou, por outra banda, que “agora máis que nunca” a Xunta impulsará a igualdade laboral e a corresponsabilidade “porque a recuperación económica e social de Galicia precisa das contribucións de todos e de todas”. O tecido laboral galego, segundo destacou, precisa máis ca nunca dun “enfoque holístico da igualdade” que abranga tamén o mercado de traballo. “Un enfoque que brinde apoio ás mulleres, si, pero tamén a quen máis o precisa para acadar unha verdadeira igualdade de oportunidades”, subliñou.

Neste camiño, como liñas estratéxicas, a Consellería de Emprego e Igualdade seguirá a promover este 2021 accións de transversalización dos fondos e das actuacións en colaboración con outros departamentos da Administración autonómica; tanto no marco do novo Plan Estratéxico que guiará as actuacións autonómicas a prol da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Tamén na aplicación das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que Galicia está a executar con dilixencia cun grao de execución próximo ao 60% que lle permitirá acadar o seu horizonte, en 2022, co 100% dos obxectivos cumpridos.

Imaxes relacionadas