A Xunta incrementa nun 12% o orzamento do Plan anual da cooperación galega para 2021 ata os 7,4M€

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), na que se aprobou por unanimidade o Plan anual 2021 da Cooperación Galega

No encontro tamén se fixo balance do plan de 2020 que foi executado ao 100% e se presentou a Estratexia de resposta á Covid-19 da Cooperación Galega
 

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu onte a reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), na que se presentou e aprobou por unanimidade o Plan anual 2021 da Cooperación Galega, que contará cun orzamento de 7,4 millóns de euros, un 12% máis que o Plan de 2020.


Deste xeito, dáse cumprimento ao compromiso recollido no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, de garantir un crecemento anual do orzamento destinado a cooperación igual ou superior ao 11,4%, en concreto, neste caso, cun aumento de 801.464 euros respecto ao 2020.


Neste Plan anual 2021, enmarcado no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021,recóllese a publicación das convocatorias plurianuais de subvencións para proxectos de cooperación no exterior e outros axentes de cooperación; iniciativas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global; proxectos de investigación para o desenvolvemento; ou 6 bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento. Tamén inclúe a convocatoria anual de axudas para proxectos de axuda humanitaria e de emerxencia.
Ademais,no 2021 manterase a liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria e tendo en conta o actual contexto da pandemia da covid-19. Nesta liña, asinaranse convenios coas ONGD Farmamundi e Asociación Solidariedade Galega con Pobo Saharauí (SOGAPS), así como cos Comités españois das Axencias das Nacións Unidas, ACNUR e UNRWA, entre outras organizacións.


No ámbito da educación para o desenvolvemento e do fortalecemento do sistema galego de cooperación, o Plan 2021 recolle a sinatura de convenios con organizacións como a Coordinadora Galega de ONGD; o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; as tres universidades galegas; así como as ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz, para dar continuidade ao programa Cooperación Galega: O mundo que queremos.


Por outra banda, deuse conta do balance do Plan Anual 2020, que foi executado na súa totalidade, e que contou cun orzamento inicial de 6,9 millóns de euros.


O Congacode é o órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación.
 

Imaxes relacionadas