O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu hoxe á reunión deste grupo de traballo

O Comité Asesor Sociosanitario comeza a traballar nas liñas xerais do novo modelo de residencias

Atenderá as novas necesidades xeradas a raíz da covid-19 e mellorará os servizos residenciais para a era poscovid

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, adiantou hoxe que o Comité Asesor Sociosanitario comezou a traballar xa nas liñas xerais do novo modelo de residencias. En declaracións aos medios, logo de asistir á segunda reunión deste grupo de traballo, concretou que, entre outros avances, este encontro serviu para acordar a creación da figura do coordinador.

Antón Acevedo apuntou que a misión deste coordinador será conducir o traballo do comité para que poida avanzar de xeito máis autónomo. Entre os obxectivos deste grupo de expertos está atender as novas necesidades xeradas a raíz da covid-19, así como mellorar os servizos residenciais de Galicia para a era post covid. Para iso contará coa colaboración de profesionais do sector das residencias, a sanidade, a arquitectura e a investigación, entre outros.

O director xeral apuntou que nesta reunión trasladóuselles aos membros do Comité Asesor Sociosanitario un informe que pretende servir de folla de ruta. Un documento aberto e xeral sobre o que comezar a debater, e que recolle o lugar común do que parte este traballo.

Imaxes relacionadas