A Xunta publica no DOG a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Lugo de dúas estradas provinciais que van cara a Ponte de Ombreiro e as Saamasas

O Concello de Lugo solicitou a cesión destes dous treitos coa fin de utilizalos como vías de características urbanas

Na estrada LU-P-2902 transfírese ao Concello un treito de 1.034 metros que comeza en solo urbano de Lugo e remata ao pasar a ponte da N-540

A estrada LU-P-2924 cédese na súa totalidade, é dicir, 1.048 metros conformados por un itinerario principal que remata na rúa dos Deportes e un ramal

A partir da formalización da entrega, corresponderanlle ao Concello de Lugo todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Lugo das estradas provinciais LU-P-2902, que comunica o municipio coa Ponte de Ombreiro, e da LU-P-2924, coas Saamasas.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia: https://bit.ly/3t0pEr5

O Concello de Lugo solicitou á Deputación Provincial de Lugo a cesión destas dúas vías coa fin de utilizalas como estradas de características urbanas.

A Axencia Galega de Infraestruturas ratifica que a estrada LU-P-2902 conta cunha lonxitude total de 8.570 metros e o treito que se transfire é de 1.034 metros, comezando en solo urbano de Lugo e rematando ao pasar a ponte da N-540.

No que se refire á outra estrada provincial, a LU-P-2924, transfírese na súa totalidade, dispoñendo de 1.048 metros, é dicir, un itinerario principal de 628 metros que remata na rúa dos Deportes e un ramal de 420 metros.

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

A partir da formalización da entrega, corresponderanlle ao Concello de Lugo todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía.