A Xunta entrega tendas de campaña para emerxencias a agrupacións de Protección Civil da provincia de Ourense

O delegado territorial, Gabriel Alén, fixo entrega deste material cedido aos concellos ao abeiro da orde de axudas para equipamentos de emerxencias, que contou en 2020 cun investimento de 932.400 euros

Gabriel Alén destacou que a Xunta considera unha prioridade que os efectivos de emerxencias conten co material axeitado para realizar as súas intervencións con maior eficiencia e, sobre todo, con seguridade, traballando nas mellores condicións posibles e co mellor equipamento

Ourense, 25 de xaneiro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, fixo entrega esta mañá no concello de Piñor de 5 tendas de campaña para emerxencias ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de Cualedro, Piñor, Pereiro de Aguiar, Toén e Ribadavia, que resultaron beneficiarios da orde de axudas do Goberno galego para equipamentos de emerxencias, dotada con 932.400 euros.

Trátase de material de gran utilidade para os numerosos operativos de protección civil que se levan a cabo o longo do ano ou na formación do Posto de Mando Avanzado en emerxencias.

O delegado territorial destacou que a Xunta considera unha prioridade que os efectivos de emerxencias conten co material axeitado para realizar as súas intervencións con maior eficiencia e, sobre todo, con seguridade, traballando nas mellores condicións posibles e co mellor equipamento. Tamén sinalou “o imprescindible labor” dos voluntarios destas agrupacións complementando aos servizos municipais nos dispositivos para “atender aos veciños no día a día” nestes meses marcados pola pandemia da covid-19.

O material de emerxencias cedido aos concellos inclúe, ademais das 37 tendas de campaña para emerxencias, 12 remolques, 8 vehículos todo terreo tipo pick-up, 4 UTV (Utility Task Vehicle), 12 coitelas para retirada de neve, 12 esparexedores de sal e 4 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Esta orde de axudas enmárcase no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar e reforzar os medios de emerxencias dos municipios da comunidade, cun investimento que supera os 14 millóns de euros.

Gastos de funcionamento das AVPC

Nesta liña, o Diario Oficial de Galicia, publicou o pasado 19 de xaneiro a convocatoria de subvencións que permitirá sufragar os gastos de funcionamento de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en municipios de menos de 50.000 habitantes, e á que a Xunta destina 340.000 euros, mantendo así o investimento da orde anterior.

A axudas poderán destinarse a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

A Xunta aposta ademais pola formación no ámbito das emerxencias mediante os distintos cursos e actividades dirixidas aos voluntarios a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Imaxes relacionadas