Un total de 13 empresas presentan as súas ofertas para executar a nova senda peonil e ciclista entre Bagüín e Seixo, en Marín, cun investimento de preto de 675.000 euros

A Xunta prevé comezar as obras no segundo trimestre deste ano e rematalas entre finais de 2021 e principios de 2022

Construirase unha senda de preto de 1 quilómetro pola marxe dereita da estrada PO-551 en formigón coloreado e mellorarase o acceso á praia de Aguete

Este itinerario súmase a outros en servizo neste municipio como o que conecta Vilaseca e Lapamán, tamén na PO-551, ou entre Coirados e Pardavila, na PO-313

Estas actuacións enmárcanse no Plan de sendas na comarca do Morrazo, que inclúe sendas seguras e sustentables cun investimento de máis de 4,5 M€

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2021

Un total de 13 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar a nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-551, entre Bagüín e Seixo, no concello de Marín.

Esta actuación, cun investimento de preto de 675.000 euros, comezará no segundo trimestre do ano co obxectivo de rematala a finais de 2021 ou comezos de 2022.

Trátase dunha nova senda de case 1 quilómetro pola marxe dereita da estrada, en formigón coloreado, cun ancho mínimo de 1,80 metros, cunha pequena estrutura en voladizo na zona onde existe unha obra de paso.

Ademais, para facilitar o cruce entre a senda existente pola marxe esquerda da estrada, disporase un paso de peóns con semáforo con pulsador, antes da parda de autobús.

No marco deste proxecto tamén se mellorará o acceso á praia de Aguete, ampliando a plataforma da estrada coa fin de facilitar as manobras, mellorar a mobilidade na zona e reforzar a seguridade viaria.

Este itinerario súmase a outros en servizo neste municipio como o que conecta Vilaseca e Lapamán, executado nesta mesma estrada autonómica, na PO-551.

Tamén está á disposición dos veciños a senda entre Coirados e Pardavila, na estrada autonómica PO-313, cun investimento da Xunta de 715.000 euros. Esta senda de preto de 2 quilómetros, executada pola marxe esquerda da estrada, comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa variante de Marín.

Estes itinerarios enmárcanse no Plan de sendas da comarca do Morrazo, que recolle a execución de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros. As actuacións son cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.