As intervencións forman parte das tarefas que se veñen realizando nas estradas autonómicas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade viaria

A Xunta estende a vindeira semana os traballos de roza e limpeza a catro novas estradas da provincia de Ourense e segue coas tarefas en vías da Coruña, de Lugo e de Pontevedra

Comezan os labores na estrada OU-115 entre Verín e o parador de Monterrei, na OU-531B en Celanova, na OU-801 en Rivadavia e Ponte Barxas, así como na OU-105 en Ourense e A Ponte Noalla

Seguen tamén as tarefas de limpeza na OU-504 en Ribadavia e Cea, e na OU-113, de Verín a Vilar de Barrio

Na provincia de Lugo seguirase avanzando nas tarefas de limpeza nas vías de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e no Corgo; e na da Coruña proseguirán na VG.-1.2, entre Ares e Mugardos

Tamén se seguirá coa roza na vía de alta capacidade CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, e na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía

Os traballos céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2021

A Xunta ten previsto estender a vindeira semana os traballos de roza e limpeza a catro novas estradas de titularidade autonómica da provincia de Ourense. Deste xeito, continuará coas actuacións que vén desenvolvendo nestas últimas semanas nas vías autonómicas desta provincia, así como en vías das provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, comezarán os traballos nas estradas da provincia de Ourense: OU-115 entre Verín e o parador de Monterrei; na OU-531B en Celanova; na OU-801 en Rivadavia e Ponte Barxas; así como na OU-105, en Ourense e A Ponte Noalla. Tamén continuarán os labores nas vías OU-504, en Ribadavia e Cea, e na OU-113, de Verín a Vilar de Barrio.

Na provincia de Lugo seguirán avanzando os traballos de roza na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e no Corgo; e na provincia da Coruña proseguirán os traballos de roza na VAP VG.-1.2, entre Ares e Mugardos.

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia de Pontevedra, seguirán os labores de roza e limpeza na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.