O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta semana co Comité de expertos da Civil UAVs Initiative

A Xunta confía en que os fondos europeos Next Generation permitan afianzar os grandes proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia para os vindeiros cinco anos

Lembra que o Polo Aeroespacial de Galicia é un dos proxectos tractores que conforman a candidatura galega para optar a estas axudas europeas co obxectivo de seguir avanzando sobre tres piares: o tecnolóxico, o mercado e o marco regulatorio

Avanza que se afondará na cooperación con outras administracións e que se porá en marcha un programa de Compra Privada de Innovación

Adianta que seis proxectos baseados no uso de vehículos aéreos non tripulados xa están listos para implantar nos servizos públicos da Xunta

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, amosou hoxe o seu desexo de que os fondos europeos de reconstrución Next Generation permitan afianzar os grandes proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia para os vindeiros cinco anos, que pasan por potenciar a I+D+i e crear tecido industrial ao redor deste sector.

Nunha xuntanza que mantivo co Comité de expertos da Civil UAVs Initiative —no que participan, entre outros, centros tecnolóxicos e empresas tractoras e de referencia neste eido—, Conde lembrou que o Polo Aeroespacial de Galicia é un dos proxectos tractores que conforman a candidatura galega para optar a estas axudas europeas co obxectivo de seguir avanzando sobre tres piares: o tecnolóxico, o mercado e o marco regulatorio.

Desde o punto de vista tecnolóxico, sinalou que, como novidade, se habilitarán novos instrumentos de financiamento para apoiar proxectos de investigación de universidades, centros de coñecemento e centros tecnolóxicos. Por outra banda, no que respecta á busca de novos mercados, apuntou que a Xunta vai continuar destinando recursos á Compra Pública Innovadora pero buscando, tamén, a cooperación con outras administracións e a iniciativa privada a través dun programa pioneiro de Compra Privada de Innovación.

Xa no relativo ao marco regulatorio (a partir da figura do sandbox regulatorio), adiantou que o obxectivo é facer de Rozas un lugar de referencia para testar novas tecnoloxías que permitan avanzar na regulación para o uso civil dos vehículos aéreos no tripulados. Ao respecto, destacou que en pouco tempo, o aeródromo contará cun contorno de simulación grazas á colaboración do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), e mais cun laboratorio 5G —a previsión é poder desenvolver ambas as dúas iniciativas nos dous vindeiros anos—.

Conde destacou que contar con esta tecnoloxía punteira permitirá que o Polo Aeroespacial de Galicia se converta nunha infraestrutura única polo seu tamaño, pola súa especialización, polo seu equipamento e pola súa capacidade de crecemento grazas ao parque industrial e tecnolóxico que xa está á disposición das empresas que se queiran implantar nestes terreos, como xa fixeron Indra e Babcock.

Mellora dos servizos públicos

O Polo Aeroespacial de Galicia xa mobilizou un investimento de 164M€, case 10 veces máis que o inicialmente previsto. Por agora executou 59 proxectos de I+D e infraestruturas para vehículos aéreos non tripulados e contou co traballo de 800 profesionais de toda España. Propiciou, tamén, a creación de cinco novas empresas en Galicia e, a través da aceleradora Business Factory Aero, xa se desenvolveron 19 proxectos empresariais. Xunto con isto, identificáronse 430 solucións tecnolóxicas, produtos ou procesos, dos que seis están preparados para o seu despegue inmediato nos servizos da Xunta de Galicia. Son servizos públicos como o control da calidade da auga, a produción de cartografía para a xestión do territorio, os servizos de protección de incendios ou o control de pragas forestais.

O vicepresidente económico concluíu subliñando a importancia da colaboración público-privada desta iniciativa e agradeceu a implicación de todos os organismos, empresas, asociacións e colexios profesionais que prestan o seu apoio e colaboración para consolidar este proxecto pioneiro na industria aeroespacial do noso país.

Imaxes relacionadas