Desviarase a circulación na zona mantendo o acceso ao Campo de Conxo de residentes e para carga e descarga neste barrio compostelán

Os traballos das últimas fases das obras de integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo farán necesario o corte de tráfico na parte alta da rúa Benéfica desde este luns

Os vehículos que parten da rúa da Fervenza desviaranse pola instalacións do Sergas ata a rúa Ramón Baltar, ao igual que os vehículos que realicen o percorrido á inversa

O tráfico de Santa Marta a través da travesía de Conxo de Abaixo non poderá acceder á rúa Benéfica, e o que circula por Benéfica de Conxo, en sentido Campo de Conxo, seguirá cambiando de sentido na nova glorieta de Televés

Tamén se realizarán o corte nocturno no tronco da SC-20 entre os días 25 e 27 de xaneiro, no marco dos traballos de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés ao seu paso polo barrio compostelán de San Lázaro

A Xunta segue avanzando, cada vez a un ritmo máis intenso, na integración paisaxística dos Camiños á súa entrada en Santiago, con 10 M€ de investimento autonómico

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2021

Os traballos das últimas fases das obras de integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo, en Santiago, farán necesario o corte total de tráfico na parte alta da rúa Benéfica e no Campo de Conxo a partir deste luns, día 25.

O departamento de Infraestruturas da Xunta estima unha duración inicial dos traballos de un mes, sempre que sexa compatible a súa execución coas condicións meteorolóxicas.

Para evitar no posible o impacto dos traballos no tráfico de vehículos, habilítanse os correspondentes desvíos provisionais da circulación, debidamente sinalizados.

No caso dos vehículos que parten da rúa da Fervenza, o tráfico desviarase polas instalacións do centro de saúde do Sergas ata a rúa Ramón Baltar, desvío que tamén utilizarán os vehículos que realicen este percorrido á inversa, desde a rúa Ramón Baltar á rúa da Fervenza.

Os vehículos que proceden de Santa Marta a través da rúa travesía de Conxo de Abaixo non poderán acceder á rúa Benéfica, sinalizándoo na intersección da travesía de Conxo de Abaixo e a travesía de Conxo de Arriba.

En canto aos vehículos que circulan por Benéfica de Conxo, en sentido Campo de Conxo, deberán cambiar de sentido na nova glorieta de Televés. Isto non supón ningún cambio xa que así funciona na actualidade.

Os traballos que se van executar nestas próximas semana supoñen a restrición da circulación no acceso ao Campo de Conxo desde a glorieta da SC-20, onde só se permitirá o acceso a residentes, carga e descarga ou funerais.

A Xunta ultima as obras de mellora e integración paisaxística da chegada a Compostela do Camiño Portugués, no barrio de Conxo, grazas a un investimento da Xunta de 2,7 millóns de euros.

Entre as actuacións destaca a reforma da Praza fronte ao mosteiro de Santa María, como zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que permitirá crear unha pequena Praza do Obradoiro. Este espazo estenderase ata o centro social, a escola infantil e o centro de saúde e manterá o cruceiro no seu lugar actual.

Na intervención tamén se crea un novo espazo de aparcadoiro habilitado ao carón do centro de saúde ao servizo dos veciños, cun total de 82 prazas de estacionamento habilitadas.

Corte nocturno tronco SC-20 do 25 ao 27 de xaneiro

Esta actuación súmase ás xa executadas e en execución noutras zonas da cidade para mellorar a entrada dos Camiños en Compostela.

No marco dos traballos de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés ao seu paso polo barrio compostelán de San Lázaro, no treito Tangueiro- San Lázaro, tamén se fai necesario o corte nocturno do tronco da SC-20.

Trátase de realizar as tarefas de colocación de distintas pezas na glorieta da SC-20, pola que pasa este tramo do Camiño. O corte realizarase nas noites dos días 25, 26 e 27 de xaneiro, coincidindo o mesmo coas horas establecidas polo toque de queda, polo cal a afección ao tráfico agárdase que sexa mínima. Os vehículos que precisen circular contarán cun desvío habilitado, prevéndose a subida do tráfico á rotonda para volver a baixalo despois.

A Xunta segue avanzando, cada vez a un ritmo máis intenso, na integración paisaxística dos Camiños á súa entrada en Santiago, con 10 millóns de euros de investimento autonómico.