A Xunta avalía cos comerciantes de Vigo as principais liñas de apoio para reforzar a competitividade deste sector estratéxico
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, mantiveron un encontro con representantes das asociacións locais, que lles achegaron as súas propostas
A dixitalización e a innovación son algunhas das claves coas que traballa a Administración, xunto co reforzo do financiamento
O novo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantiveron hoxe un encontro con representantes das federacións, centros comerciais abertos e praceiros de Vigo para trasladarlles as principais liñas de apoio ao sector para este ano e escoitar as súas inquedanzas e propostas.
Manuel Heredia lembrou que, desde o inicio da pandemia, a Xunta se centrou en atender as necesidades máis inmediatas dos sectores máis afectados, con especial atención ao comercio, en ámbitos como o financiamento e a aplicación de medidas de seguridade, ao mesmo tempo que traballa para lograr unha recuperación sólida, asentada na transición dixital e ecolóxica.
O director xeral sinalou que no comercio de proximidade é fundamental dar o salto dixital e compatibilizar as vendas presenciais co comercio electrónico, apostando ao mesmo tempo pola sustentabilidade e a ecoinnovación.
Nestes dous aspectos centraranse un ano máis as liñas de axudas do seu departamento, co obxectivo de que o sector conte coas ferramentas necesarias para resistir con forza o impacto da crise, sempre en colaboración e coordinación coas asociacións do sector. Esta aposta pola modernización vén acompañada dos mecanismos de financiamento necesarios, e así, a Xunta, a través do Igape, conta cun plan de financiamento empresarial dotado con 103 millóns de euros que mobilizará 300 millóns de euros.
A estes apoios súmanse os da Consellería de Emprego e Igualdade, que está a ultimar o segundo Plan de rescate dirixido a autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros pechados, que volverá incluír axudas directas aos sectores máis afectados polas novas restricións sanitarias.