A Xunta supervisa a execución dunha senda peonil na estrada AC-542, entre Carral e Ordes, para reforzar a seguridade dos peregrinos

Os traballos contan cun investimento de preto de 48.000 euros

Carral (A Coruña), 21 de xaneiro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou o avance nas obras de construción da nova senda peonil na estrada autonómica AC-542, entre Carral e Ordes.

Os traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L por un importe de case 48.000 euros.

Trenor explicou que con esta actuación “estase a habilitar un itinerario peonil no tramo do Camiño Inglés que discorre pola estrada AC-542, desde As Travesas, en Carral, ata o seu desvío por un camiño local que conduce ao lugar de Hospital, en Mesía, onde existe un albergue”.

A intervención ten como obxectivo aumentar a seguridade dos peóns, xa que na actualidade este traxecto percórrese pola beiravía, nunha zona cun tráfico elevado debido á actividade industrial da zona.

Estas obras enmárcanse no programa da Xunta para mellorar a seguridade viaria dos peregrinos ao seu paso por treitos dos Camiños de Santiago coincidentes coas estradas de titularidade autonómica.
 

Imaxes relacionadas