Portos de Galicia coordina coa confraría de pescadores de Cambados a reordenación do peirao de Tragove
A presidenta do ente público mantivo unha reunión de traballo co patrón maior na que lle informou tamén da licitación do proxecto de ampliación da lonxa
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, impulsará a reordenación portuaria do peirao de Tragove, no municipio pontevedrés de Cambados. Así o ratificou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha reunión de traballo con patrón e o vicepatrón maior da confraría de pescadores da localidade.
Na reunión abordáronse as principais necesidades da confraría no relativo á ordenación do solo en Tragove nas que se están traballando co obxectivo de mellorar a operatividade e a orde portuaria.
Ademais, durante a reunión, a presidenta de Portos trasladou á directiva da confraría os avances na tramitación do proxecto de ampliación da lonxa de Tragove, que se atopa na fase final de contratación. En concreto, tal como sinalou Susana Lenguas, o proxecto da obra atópase en proceso de licitación cun orzamento de 25.000 euros.
Finalmente, a presidenta de Portos mostrou tamén a vontade do ente público de axilizar outras peticións da confraría de pescadores que se atopan xa en tramitación como a retirada definitiva de embarcacións abandonadas no porto, que deben ser previamente incautadas.