Arias mantivo unha xuntanza coa Asociación de Distribuidores de Hostalaría para coñecer a súas propostas e asesorar sobre os programas de axuda

Lugo, 20 de xaneiro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación de Lugo, recentemente creada, para coñecer a súas propostas e prestarlles asesoramento sobre os programas de axuda habilitados polo Goberno galego. Entre outros, participaron na reunión Eloy García, presidente do colectivo, así como técnicos da Xunta que se incorporaron por videoconferencia.

Arias sinalou que a Xunta ten como prioridade apoiar aos colectivos e sectores máis vulnerables ao impacto económico provocado pola pandemia da covid-19, con axudas que lles faciliten levar a cabo a súa actividade e dispor de liquidez para manter os seus negocios no actual contexto. Neste sentido, lembrou que o Plan de rescate supón un investimento de 84 millóns de euros destinados ás persoas traballadoras autónomas, microempresas e ao sector da hostalería.