A Xunta adxudica a restauración do Santuario de Nosa Señora das Angustias cun investimento superior aos 114.000 euros

A intervención centraranse en resolver as humidades que sofre este inmoble, sede da Confraría das Angustias e importante templo da Semana Santa ferrolá

A construción dunha cámara bufa, a impermeabilización, a renovación de revocos ou a substitución puntual da cuberta, son algúns dos principais traballos previstos

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2021

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras para restaurar o Santuario de Nosa Señora das Angustias, en Ferrol, cun investimento superior aos 114.000 euros. O obxectivo destes traballos é actuar nos paramentos verticais do templo e resolver os problemas de humidades que afectan ao inmoble, a través dunhas actuacións que terán un prazo de execución de 12 semanas.

Para solucionar estes problemas, está previsto a construción dunha cámara bufa, a impermeabilización de puntos críticos, a renovación dos revocos con morteiro de cal, a substitución puntual da cuberta de tella, así como diversos tratamentos de limpeza, consolidación e pintado do monumento. Uns traballos que se enmarcan no compromiso da Xunta por velar pola conservación do patrimonio cultural galego, algo para o que o Goberno autonómico incrementa este ano os seus orzamentos nun 19%.

Para poder desenvolver os traballos no santuario, a Xunta de Galicia e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol asinaron un convenio de colaboración para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións no monumento.

Singular ben ferrolán

O Santuario de Nosa Señora das Angustias foi construído pola confraría homónima a finais do S. XVIII e é un ben catalogado incluído no planeamento de Ferrol. O inmoble e a súa contorna inmediata tamén se atopan no ámbito de protección do Camiño Inglés e unha das igrexas referentes da Semana Santa de Ferrol.

Trátase dunha edificación caracterizada polas súa sobriedade e liñas simples. Ten unha planta rectangular de gran profundidade, cunha capela maior estreita que posúe un retablo detrás do cal se atopa a sancristía, á que se accede por dúas portas. Conta cun largo espazo dividido en tres tramos de diferente anchura e lonxitude. As cubertas teñen bóvedas con lunetos baixo os que se abren óculos de iluminación.

Imaxes relacionadas