A Xunta recibe ofertas de 13 empresas para executar unha senda na estrada PO-551 entre Trasouto e o Alto da Portela, en Bueu, que suporá un investimento autonómico de 643.000 euros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé o seu inicio esta primavera, e o obxectivo é poder tela rematada este mesmo ano ou a principios de 2022
Trátase de executar unha senda na marxe dereita desta estrada, que amplía a súa lonxitude con respecto ao proxecto inicial en 115 metros, para conectar coas beirarrúas existentes e conformar un itinerario peonil seguro
Esta actuación enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que contempla 8 itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe, cun orzamento que ascende a case 5 millóns de euros
A Xunta vén de recibir ofertas dun total de 13 empresas para executar as obras dunha senda na estrada PO-551, entre Trasouto e o Alto da Portela, no concello de Bueu, licitada por un importe de preto de 643.000 euros
Esta obra da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que conta cun prazo de execución de 9 meses, prevé o seu inicio esta vindeira primavera, e o obxectivo é poder tela rematada este mesmo ano ou a principios de 2022.
Trátase da construción dunha senda na marxe esquerda da estrada PO-551, entre os puntos quilométricos 12+720-14+440, que con respecto ao proxecto inicial amplía en 115 metros a súa lonxitude para conectar coas beirarrúas existentes e conformar un itinerario peonil seguro de maior lonxitude.
Executarase unha senda de formigón coloreado en paralelo á estrada, respectando a actual beiravía, cunha sección mínima de 1,8 metros.
Puntualmente e en función do espazo, a senda implantarase na beiravía existente, cun ancho mínimo de 1,50 metros. Nestes casos disporanse separadores para identificar correctamente a separación entre senda e calzada. Ademais aproveitarase a intervención para actuar sobre a parada de bus e renovar a marquesiña.
Este novo itinerario enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que prevé a execución de 8 itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento que ascende a case 5 millóns de euros. Estas actuacións serán cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020 para o fomento da mobilidade sustentable.