Medio Ambiente propón ao concello de A Gudiña acudir ao fondo de cooperación para rehabilitar vivenda no municipio

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión por videoconferencia co rexedor municipal, á que lle brindou o asesoramento do Instituto Galego de Vivenda e Solo para avanzar neste obxectivo en materia de vivenda

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, indicoulle ao alcalde de A Gudiña, José María Lago Cabo, que a administración local pode acollerse ao Programa de Cooperación cos concellos para levar a cabo actuacións de rehabilitación de inmobles e edificios, cos que obter vivenda pública ao servizo dos veciños. Ángeles Vázquez e José Mª Lago mantiveron unha reunión por videoconferencia, na que abordaron os distintos programas e liñas de actuación do Instituto Galego de Vivenda e Solo para avanzar neste obxectivo.

A conselleira recordou que o Fondo de cooperación é un instrumento para apoiar aos municipios de menos de 50.000 habitantes, a partir do cal se lle facilita ás entidades locais o financiamento necesario para acometer proxectos mediante a concesión de préstamos sen xuros.

Explicoulle que esta opción permite ao Concello programar e adaptar o orzamento necesario para executar estas actuacións á demanda de vivenda real e ás necesidades do concello. Asemade, a conselleira brindoulle o asesoramento técnico do Instituto Galego de Vivenda e Solo para acadar unha axuda ao abeiro deste programa, pensado para os concellos; e incluso acceder ao programa de vivendas de titularidade municipal, un plan co que xa se teñen rehabilitado 125 vivendas en Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente reiteroulle a total colaboración do Instituto Galego de Vivenda e Solo, tanto no asesoramento técnico coma no apoio económico, ao abeiro das axudas que se convoquen ao longo do presente ano.

Por outra banda, o alcalde trasladoulle á conselleira o seu interese por declarar unha Reserva da Biosfrera no concello. Nese sentido, Vázquez Mejuto aclarou que case un 5% do da superficie que abarca o Concello da Gudiña (836 das súas 17.137 Has) está dentro da Rede Natura 2000, con superficie na Zona de Especial Conservación Pena Maseira. En todo caso, ambas autoridades consideraron a posibilidade de iniciar un estudo técnico previo sobre as posibilidade de levar adiante esta iniciativa.
 

Imaxes relacionadas