A Xunta entrega 12 remolques de emerxencias para reforzar o equipamento de agrupacións de Protección Civil

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega deste material cedido aos concellos ao abeiro da orde de axudas para equipamentos de emerxencias, que contou en 2020 cun investimento de 932.400 euros

O DOG publica hoxe a convocatoria para este ano das subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das agrupacións de Protección Civil de municipios de menos de 50.000 habitantes, na que a Xunta mantén o orzamento de 340.000 euros
 

Vilaboa (Pontevedra), 19 de xaneiro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe de 12 remolques de emerxencias ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos beneficiarios da orde de axudas do Goberno galego para equipamentos de emerxencias, dotada con 932.400 euros. Ao acto tamén acudiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Trátase de remolques con características especiais idóneos para intervencións nas incidencias provocadas por inundacións e temporais e para desprazarse por núcleos de poboación con vías estreitas.

Alfonso Rueda destacou que a Xunta considera unha prioridade que os efectivos de emerxencias conten co material axeitado para realizar as súas intervencións con maior eficiencia e, sobre todo, con seguridade, traballando nas mellores condicións posibles e co mellor equipamento. Tamén destacou “o imprescindible labor” dos voluntarios destas agrupacións complementando aos servizos municipais nos dispositivos para “atender aos veciños no día a día” nestes meses marcados pola pandemia da covid-19.

O material de emerxencias cedido aos concellos inclúe, ademais, destes 12 remolques, 8 vehículos todo terreo tipo pick-up, 37 tendas de campaña para emerxencias, 4 UTV (Utility Task Vehicle), 12 coitelas para retirada de neve, 12 esparexedores de sal e 4 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Esta orde de axudas enmárcase no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar e reforzar os medios de emerxencias dos municipios da comunidade, cun investimento que supera os 14 millóns de euros.

Gastos de funcionamento das AVPC

Nesta liña, o Diario Oficial de Galicia, publica hoxe a convocatoria de subvencións que permitirá sufragar os gastos de funcionamento de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en municipios de menos de 50.000 habitantes, e á que a Xunta destina 340.000 euros, mantendo así o investimento da orde anterior.

A axudas poderán destinarse a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

A Xunta aposta ademais pola formación no ámbito das emerxencias mediante os distintos cursos e actividades dirixidas aos voluntarios a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
 

Imaxes relacionadas