A Xunta colabora co Concello de Mos na adquisición dun novo vehículo destinado ás labores ambientais da Policía Local

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo entrega hoxe deste vehículo ECO, financiado polo Goberno galego ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental

As achegas da Administración autonómica ao concello nos últimos anos superan os 964.400 euros

Mos (Pontevedra), 19 de xaneiro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, entregou esta mañá un novo vehículo para Policía Local do concello de Mos co que poder levar a cabo as súas funcións relacionadas coa preservación do medio ambiente.

A Xunta destinou máis de 31.800 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental á adquisición deste vehículo ECO, que permitirá aos axentes da Policía ambiental do concello, realizar tódalas actuacións relacionadas co coidado do entorno como a investigación das denuncias relacionadas cos residuos sólidos urbanos ou as queimas e verteduras incontroladas.

Trátase ademais dun vehículo de consumo eco, é dicir, de maior eficiencia enerxética, o que reduce os custos de mantemento, ao mesmo tempo que contribúe ao obxectivo do concello de loitar contra o cambio climático coa redución das emisións de dióxido de carbono.

O Goberno galego dá así resposta á demanda do concello para ampliar a frota a Policía Local empregada nestas tarefas. A colaboración da Xunta co municipio de Mos neste proxecto enmárcase no Fondo de Compensación Ambiental, no que o Goberno galego investiu un orzamento de 12,5 millóns de euros na convocatoria de 2020, dirixidos a melloras ambientais nos concellos galegos. En concreto, ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

No marco deste fondo, a Xunta tamén apoiou o ano pasado en Mos cunha axuda de 25.000 euros as obras de drenaxe no cemiterio municipal da Gándara-Torroso para recoller e evacuar a auga e evitar filtracións nos panteóns. Ademais, ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público, á que a Xunta dedicou 4 millóns de euros o ano pasado, o municipio recibiu outra achega de 33.800 euros para crear un parque infantil e de biosaludables no centro cultural de Abrente, na parroquia de Troncoso.

O investimento da Xunta no concello de Mos a través destas liñas de axudas superou en 2020 os 90.700 euros e nos últimos anos máis de 946.400 en melloras ambientais e de infraestruturas co obxectivo de mellorar os servizos municipais e a calidade de vida da cidadanía.

Imaxes relacionadas