A Xunta recibe a oferta de 5 empresas para executar as obras de acondicionamento do edificio do Servizo de Mobilidade na Coruña que suporá un investimento de 500.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé o comezo das obras esta primavera para telas rematadas este mesmo ano

Os traballos incluirán a reparación da estrutura de formigón, o tratamento da fachada ou a mellora da instalación eléctrica

Realizaranse actuacións de illamento para solucionar os problemas de humidades que se veñen producindo por mor da condensación

Substituiranse todas as ventás do edifico e colocaranse 36 radiadores

Mellorarase a accesibilidade coa instalación dun ascensor e a disposición dunha nova porta de entrada que facilite o paso de persoas con Mobilidade reducida

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021

A Xunta vén de recibir a oferta dun total de 5 empresas para executar as obras de acondicionamento do edificio do Servizo da Mobilidade na Coruña, que suporá un investimento autonómico de 500.000 euros.

Esta obra da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta cun prazo de execución de 6 meses e comezarán esta vindeira primavera, co obxectivo de tela rematada este mesmo ano.

Os traballos de acondicionamento do edificio do servizo de Mobilidade na Coruña incluirán a reparación da estrutura de formigón, o tratamento dos perfís de aceiro na fachada, a mellora da rede de pluviais e da instalación eléctrica.

Tamén se realizarán actuacións de illamento para solucionar os problemas de humidades que se veñen producindo por mor da condensación.

A intervención inclúe a substitución de todas as ventás do edificio, así como a colocación de 36 radiadores térmicos cerámicos.

Os falsos teitos que presenten carencias serán demolidos e substituídos por unhas estruturas novas de escaiola.

No que se refire á mellora da accesibilidade, transformarase o actual montacargas nun ascensor. Ademais, substituirase a porta da entrada por outra nova con follas asimétricas que facilite o paso de persoas con mobilidade reducida.

De xeito complementario, executaranse obras menores en materia de electricidade e fontanería nos aseos. Así, arranxaranse os sistemas de secado de mans ou os interruptores e reporanse billas, chaves de paso ou cisternas.

O proxecto contempla o pintado xeral do interior do edificio, especialmente nas zonas afectadas polas obras.