Medio Ambiente abre unha rolda de contactos coas entidades de pesca para abordar a próxima tempada e a nova orde de axudas

A conselleira Ángeles Vázquez mantivo esta semana unha reunión telemática con membros das sociedades máis representativas do sector na provincia de Ourense

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2021

A Xunta de Galicia acaba de iniciar unha rolda de contactos coas principais entidades colaboradoras de pesca da comunidade co fin de abordar a futura orde de vedas mediante a que se regulará a próxima tempada, a convocatoria por segundo ano consecutivo da liña de axudas dirixida precisamente ao sector, e a inminente entrada en vigor da Lei de Pesca Continental.

O primeiro encontro tivo lugar esta semana entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e representantes de varias entidades e sociedades pesqueiras de Ourense, que lle trasladaron a súa visión sobre a situación da pesca na provincia e algunhas das principais inquedanzas e particularidades do sector.

Precisamente, a responsable autonómica trasladoulles o interese do seu departamento por coñecer de primeira man o parecer das entidades de pesca fluvial sobre diversos aspectos relacionados coa actividade, así como as particularidades das súas respectivas zonas de influencia.

Así, Vázquez Mejuto referiuse á orde de axudas dirixida a entidades colaboradoras de pesca que a Xunta volverá convocar este ano e na que, segundo dixo, aínda existe marxe para introducir posibles melloras ou cambios que animen ao sector a presentar as súas solicitudes. A este respecto, lembrou que a nova convocatoria contará cun orzamento de 80.000 euros que se destinará a financiar tarefas de vixilancia e limpeza nos ríos, así como para o desenvolvemento de campañas de divulgación.

Noutra orde de asuntos, a conselleira tamén se referiu á recente aprobación da Lei de Pesca Continental de Galicia, un “fito clave” para o futuro do sector xa que, como dixo, nace co obxectivo de garantir o relevo xeracional entre o colectivo dos pescadores pola vía da formación e a sensibilización dos mozos galegos.

Para cumprir este obxectivo, insistiu na importancia de contar co apoio das entidades colaboradoras de pesca, tanto pola función que exercen como polo seu amplo coñecemento sobre o sector. Por esta razón, Ángeles Vázquez comprometeuse a manter ao longo deste ano unha liña de comunicación aberta e fluída cos seus representantes en toda Galicia.

Imaxes relacionadas