Ángeles Vázquez subliña o esforzo inversor da Xunta en Palas de Rei, con case 800.000 euros mobilizados en actuacións urbanísticas

A conselleira de Medio Ambiente visitou hoxe o concello lucense para comprobar os avances da obra que se está a executar nas Lagas, consistente na construción de beirarrúas co fin de mellorar a accesibilidade e a seguridade nesta zona

O custo dos traballos ascende a case 50.000 euros, dos cales o departamento autonómico financia con fondos propios o 70% e Goberno local, o 30% restante

Desde a posta en marcha en 2010 do Plan Hurbe, o Goberno galego colaborou na execución de catro proxectos urbanísticos en Palas de Rei que contribuíron á mellora e á humanización do municipio, en pleno corazón do Camiño de Santiago
 

Palas de Rei (Lugo), 15 de xaneiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mobilizou nos últimos 10 anos preto de 800.000 euros para axudar ao Concello de Palas de Rei (Lugo) a executar diferentes actuacións urbanísticas coas que poñer en valor o municipio e mellorar os equipamentos públicos a disposición da veciñanza.

Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que precisamente esta mañá se achegou ata o concello lucense para visitar as obras de acondicionamento que se están a executar en As Lagas, grazas ao convenio de colaboración subscrito o ano pasado entre o seu departamento e o Goberno municipal.

Cun custo de algo máis de 48.000 euros, o departamento autonómico asume o 70% do financiamento desta actuación e o Goberno municipal o 30% restante. Os traballos, como explicou a conselleira, consisten na construción e adaptación das beirarrúas a ambos marxes da estrada co fin de mellorar as actuais condicións de accesibilidade neste ámbito.

En concreto, substituiranse as vellas lousas de cemento por outras novas de formigón impreso, actuando en total sobre unha superficie de 1.000 metro cadrados. Grazas a esta intervención mellorarase a capa de rodadura do viario coa instalación dun novo firme de xeito que se acadará o obxectivo principal da intervención: mellorar a seguridade desta zona para o seu uso por parte da veciñanza.

Tras a súa visita, durante a que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira enmarcou a actuación nas Lagas dentro do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 para contribuír á posta en valor das vilas e dos núcleos rurais a través da colaboración económica cos concellos na execución de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciar infraestruturas, servizos e equipamentos públicos e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Grazas aos investimentos mobilizados ao abeiro deste plan, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Consellería de Medio Ambiente ten executado ou comprometido na última década un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas concellos galegos, actuacións que suporán unha mobilización de 148,96 millóns de euros.


Precisamente, a conselleira lembrou que Palas de Rei foi un dos municipios que ao longo destes anos se beneficiou do programa Hurbe. Así, referiuse á recente obra executada na zona do Lavadoiro e O Muíño (cun custo de 50.000 euros) ou á completa intervención rematada en 2011 para a posta en valor e enriquecemento do Camiño de Santiago ao seu paso por Palas, unha actuación clave para un concello situado “en pleno corazón” da Ruta Xacobea e á que se destinaron 536.555,98 euros.

7,4 millóns para seguir apoiando aos concellos en 2021

Esta liña de colaboración coas entidades locais en materia de humanización urbanística terá continuidade tamén este ano, xa que o departamento de Medio Ambiente reservou nos seus orzamentos máis de 7,4 millóns de euros para financiar actuacións en concellos, contornas urbanas e equipamentos municipais.

Así, a conselleira avanzou que se convocará unha orde de axudas bianual dotada con 2,3 millóns -1,3 M€ para 2021- destinada a financiar a creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 50.000 habitantes; e investirá o resto do orzamento previsto para este capítulo en actuacións municipais que cumpran cos obxectivos de dinamización social e humanización do devandito Plan Hurbe.

 

Imaxes relacionadas