Emigración analiza coa Asociación de Xóvenes Emigrantes a inminente convocatoria das bolsas Beme

O secretario xeral deste departamento, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro cos representantes desta agrupación co obxectivo de reforzar o acompañamento e a información a futuros galegos do exterior que desexen ampliar estudos en Galicia

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro telemático coas representantes da Asociación de Xóvenes Emigrantes que traballa en pro dos becarios que recibiron unha bolsa Beme para ampliar os seus estudos nalgunha das tres universidades galegas, de cara a analizar a inminente convocatoria destas becas.

Rodríguez Miranda analizou coas representantes da asociación, Belén Rosbien y Lucía Álvarez, as bolsas Beme de excelencia para a mocidade exterior, que posibilitan, a través da Secretaría Xeral da Emigración que titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, poidan cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

Na reunión analizáronse as vías de colaboración entre o Servizo de Retorno da Secretaría Xeral da Emigración e esta asociación de cara a reforzar o traballo de acompañamento e información aos actuais bolseiros e animar aos futuros alumnos universitarios galegos do exterior para solicitar algunha das 200 becas coas que contará esta liña de axudas para o 2021.

Esta Asociación está a traballar nestes intres preparando un proxecto de fin de máster que ten coma obxectivo mellorar a comunicación entre Galicia e os galegos do exterior beneficiarios destas becas. “Deste xeito, a través destes alumnos, que xa contan coa súa propia experiencia como bolseiro, podemos animar e apoiar a outros alumnos de currículo excelente para que aposten polas nosas universidades de cara a ampliar a súa formación”, explicou Miranda, quen engaiu que a través deste portal poderase mellorar a intercomunicación entre os bolsarios, facilitándoselles información e ferramentas para acceder a futuros empregos, de xeito que sexa máis sinxelo para eles apostar por Galicia como o seu destino vital definitivo.

Imaxes relacionadas